Plex integra emuladores para gozar de xogos clásicos

martes, 26 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos anos Plex converteuse na solución para a xestión e catalogación audiovisual de referencia, ou sexa, que está considerado como un xeito de ter o noso Netflix persoal, aínda que a ferramenta serve para moito mais, como administrar podcasts, programar gravacións de televisión, acceder a numerosos contidos en liña e, agora tamén gozar de videoxogos clásicos a través de Plex Arcade, un novo servizo que facilita o acceso a ducias de xogos clásicos de Atari, así como numerosos xogos de distintas plataformas dos que teñamos a correspondente copia da súa ROM, xa que este sistema incorpora emuladores.
Plex Arcade funciona só en servidores de Plex para Windows ou macOS, ten un prezo de 2,99 dólares/mes para subscritores de Plex Pass (4,99 dólares mes para o resto de usuarios), e permite gozar de emuladores de consola e recreativa dende dispositivos con iOS e Android, ordenadores persoais a través do navegador web Google Chrome, e incluso en televisores (pode correer en dispositivos Apple TV e Android TV), coa vantaxe de, aparte de incluír ducias de xogos de Atari, permite o goce de distintos emuladores e xogos (achegados en formato de copia da súa ROM) empregando o noso mando Bluetooth favorito (recomendándose os de PS4 ou Xbox).
Con Plex Arcade podemos gozar a xogos de consolas como as Atari 2600, 5200 e 7800, as SEGA Master System, MegaDrive e Game Gear, a NES, a Super Nintendo, a Nintendo 64, a Game Boy Color e Game Boy Advance e incluso máquinas recreativas emuladas con MAME, de xeito que temos unha opción moi interesante para os amantes dos xogos retro que queren fozar deles dende múltiples dispositivos.

Vídeo promocional de Plex Arcade

PUBLICIDADE