Plextor comercializa un lector de Blu-ray alimentado por USB

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Tras a guerra de formatos entre o HD DVD e o Blu-ray disc, que rematou coa vitoria deste último, non está nada claro que o DVD teña un herdeiro real, e os soportes físicos para a distribución de películas e series de televisión parecen estar abocados á desaparición, o que non fai que os discos en Blu-ray sexan pouco atractivos, pois serven tanto para achegar películas en alta definición como para almacenar grandes cantidades de información (ata 25 Gbytes nunha capa e 50 Gbytes en 2 capas), de aí que dende Plextor decidisen lanzar o PX-B120U, unha unidade externa de lectura de discos Blu-ray que toma a súa alimentación a través de USB, facilitando o seu transporte e a súa utilización tanto en equipos de sobremesa coma en portátiles.
A unidade de discos Blu-ray conectada a través de USB consegue velocidades de ata 4x para os discos de alta definición, de 8x para DVD e de 24x para CD. Inclúe o software Cyberlink Power DVD (aplicación para a reprodución de películas) e véndese dende este mes a un prezo recomendado de 109 euros.

PUBLICIDADE