Plume, unha nova solución para ter cobertura Wi-Fi en todo o fogar

luns, 5 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Solucionar a conectividade sen fíos doméstica tende a ser un pesadelo para moitos, de aí que existan amplificadores-repetidores de Wi-Fi, e solucións máis sofisticadas como a que ofrece agora Plume, un sistema de rede Wi-Fi adaptativa que mediante o reparto de pequenos elementos chamados pods no fogar permite construír unha malla que garante unha boa conexión en calquera curruncho, procurando así evitar os puntos mortos e as caídas de sinal, así como unha velocidade estable que permita que, por exemplo, poida gozarse do vídeo en streaming sen ter que empregar cables.
A solución Wi-Fi de Plume comercialízase en lotes de 3 ou 6 Pods a 179 e 329 dólares respectivamente (podendo tamén adquirirse Pods soltos por 69 dólares) e destaca por ter un deseño elegante en varias cores a elixir (champaña, prata ou ónix) e poder xestionarse de xeito sinxelo a través dunha aplicación móbil (para, por exemplo, permitir xestionar os dispositivos e autorizar a usuarios convidados na nosa rede).
Esta proposta de rede Wi-Fi en forma de malla promete unha experiencia sen cortes, cunha rede que se adapta ao tráfico que manexa e que promete maiores velocidades de transmisión que outras tecnoloxías semellantes ao empregar distintas canles en cada salto.
Con Plume teremos unha Wi-Fi AC de dobre banda e seguridade WPA2-PSK (AES), un porto Gigabit Ethernet en cada Pod (para poder empregar tamén para dispositivos con cable, ou para poder conectar esta rede sen fíos ao noso router de acceso á Rede) e conector de enchufe en función do país onde esteamos (ou sexa, que está dispoñible con enchufe europeo). Cada Pod mide 64 x 68 x 34 milímetros e pesa 90 gramos.

A solución Wi-Fi de Plume é moi doada de instalar, precisando principalmente da distribución dos Pods nos enchufes do fogar

PUBLICIDADE