Pluto TV emitirá en España a serie Star Trek: Discovery

mércores, 24 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A semana pasada estaba prevista a estrea da nova tempada da serie Star Trek: Discovery, que en Europa naceu dentro de Netflix, pero a poucas horas da súa emisión sorprenderon anunciando que a tempada 4 non podería verse internacionalmente ao ritmo estadounidense, e no caso europeo habería que agardar ao lanzamento da plataforma de streaming Paramount+ que supostamente verá a luz en 2022, pero da que aínda non hai nin previsións sobre a súa data de lanzamento.
Este cambio de rumbo considerouse unha traizón aos seareiros da serie, aos que se lles estaba a impedir seguila simplemente por vivir nun territorio no que aínda non está presente Paramount+, e finalmente os responsables da serie decidiron iniciar unha etapa de transición de cara ao lanzamento de Paramount+, para o que recorreron á plataforma Pluto TV para a difusión da súa nova serie, paliando así a indignación dos incondicionais de Star Trek: Discovery.
Dende Pluto TV, plataforma de balde con publicidade presente en España dende hai pouco máis dun ano, anuncian que emitirán Star Trek: Discovery a partir deste mesmo venres, de xeito que os novos episodios do serial botaranse aos venres, sábados e domingos ás 21:00 horas dentro da canle Sci-Fi. Para evitar un desfase cronolóxico, este venres comezarán as emisións cos 2 primeiros episodios de Discovery, para seguir logo estreando un capítulo á semana.
Estamos ante unha decisión moi curiosa, xa que basicamente pretende evitar unha crise de reputación, de xeito que o lanzamento de Paramount+ non se vexa lastrado polo mal sabor de boca que deixou a retirada de Netflix de Star Trek: Discovery.

Mensaxe publicada por Pluto TV para anunciar a estrea de Star Trek: Discovery

PUBLICIDADE