Poderemos presentar solicitudes ao programa Fábrica Intelixente e Sustentábel (GAIN) até outubro

martes, 22 de agosto do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) que dirixe Patricia Argerey informou de que estes meses de agosto e setembro segue aberto o prazo da quinta edición da convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel. Trátase, engade a entidade da Xunta, “dunha liña de axudas dirixida a apoiar iniciativas empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centren no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes que serán fundamentais para acadar un modelo produtivo máis innovador”. As solicitudes poderán presentarse ata vindeiro 2 de outubro.
Dotada con 24 millóns de euros, esta nova convocatoria prevé mobilizar 70 millóns para apoiar o desenvolvemento de proxectos ata 2026 que permitan seguir avanzando nun cambio de modelo sustentado na competitividade e no coñecemento incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial galega.
Segundo engade a axencia, as axudas teñen unha intensidade de entre o 15 e o 60% segundo o tipo de entidade e proxecto e diríxense tanto a pemes como a grandes empresas, así como a organismos de investigación que desenvolvan un proxecto de I+D en colaboración cunha ou varias compañías. Apoiaranse tanto proxectos de I+D, como iniciativas de innovación en materia de procesos ou organización (individuais e en cooperación).
A duración dos proxectos é de catro anualidades -estenderase ata o 30 de setembro de 2026- e o orzamento dos proxectos, entre os 2 e os 25 millóns de euros.
Entre as novidades desta edición atópanse o incremento nos custes indirectos do 10 ao 15% e inclúe novos custes subvencionábeis como “o derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar dano significativo ao medio ambiente” e “da contratación dun plan de comunicación e difusión do proxecto”, explicaron fontes de GAIN engadindo que esta liña de axudas inscríbese no reto de impulsar un novo modelo industrial en Galicia baseado na innovación e nas prioridades europeas da dixitalización e a transición verde, prioridades recollidas na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Entre os seus obxectivos, atópanse estimular que as empresas leven a cabo a súa I+D+i en Galicia, actuar como elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado, impulsar a competitividade do noso tecido empresarial e favorecer a cooperación entre organismos de investigación e tecido produtivo.
Nas edicións anteriores apoiáronse un total de 24 proxectos -con 62 beneficiarios, 15 deles centros tecnolóxicos- cunha mobilización de ao redor de 270M€. As axudas desta convocatoria son susceptibles de co-financiamento pola Unión Europea no marco do programa FEDER Galicia 2021-2027.

PUBLICIDADE