Pokémon Espada e Pokémon Escudo chegará a Switch a finais de ano

mércores, 27 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Os xogos Pokémon Vermello e Pokémon Azul saíron á venda no Xapón o 27 de febreiro de 1996, polo que hoxe sería o Día de Pokémon, data elixida por Nintendo para render tributo á franquía nacida na Game Boy anunciando as súas novas entregas nun Nintendo Direct.
Pokémon Espada e Pokémon Escudo serán os primeiros xogos da serie principal de Pokémon que chegarán a Nintendo Switch, no que podería considerarse como o comezo da fin da Nintendo 3DS, consola que Nintendo pretendía manter viva moitos máis anos, pero que grazas ás posibilidades portátiles da Switch está perdendo pulo a un ritmo maior do previsto inicialmente, polo que é de esperar que agora os desenvolvedores só aposten pola Switch para publicar as súas creación e deixen de lado á consola máis portátil e económica de Nintendo.
Os novos xogos de Pokémon sairán á venda a finais de ano, descubrindo Galar, unha nova rexión que explorar, e que contará con dende campos até modernas cidades, pasando por un frondoso bosque e montañas nevadas. Na viaxe pola nova rexión para conseguir o título de campión poderanse visitar numerosos ximnasios e descubrir novas criaturas Pokémon, comezando a aventura ao elixir un dos tres novos Pokémon: Grookey (un Pokémon chimpancé de tipo pranta), Scorbunny (un Pokémon coello de tipo lume) e Sobble (un Pokémon lagarto de tipo auga).
Os novos xogos de Pokémon serán un lanzamento global que sen dúbida van contribuír a unha mellora das vendas xa bastante boas da Nintendo Switch.

Direct no que Nintendo anuncia a nova entrega de Pokémon

JPEG - 169.1 KB
Hoxe celébrase o 23º aniversario de Pokémon Vermello e Pokémon Azul no Xapón

PUBLICIDADE