Pokémon GO incorporará novas criaturas esta semana

mércores, 15 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Nun momento no que parecía totalmente esquecida a aplicación móbil de Pokémon GO, que o pasado verán convertérase nunha auténtico fenómeno de masas a nivel global, anuncian que esta semana terá unha grande actualización pola que os seareiros da franquía levaban meses esperando, xa que incorporará aos máis de 80 criaturas Pokémon da rexión de Johto, que aparecían nas edicións Ouro e Prata do xogo para consolas portátiles.
Pero o xogo non só estreará a criaturas como Chikorita, Cyndaquil, Totodile e moitas outras, senón que tamén incluirá novas evolucións para algunhas das criaturas descubertas na rexións de Kanto, así como tamén aparecerán novos elementos nas PokéParadas, que serán necesarios para evolucionar a certos Pokémon.
Cando atopemos un Pokémon solto tamén reaccionarán de xeitos diferentes, de xeito que enriquecerase a caza de Pokémon, así como tamén contaranse con novos cebos, novos avatares e novos elementos para personalizar aos adestradores, ou sexa, que estariamos ante a grande actualización que os xogadores de Pokémon GO esperaban para recuperar o interese por este título móbil.

Vídeo no que anuncian a actualización de Pokémon GO

PUBLICIDADE