Pokémon UNITE chegará a móbiles o 22 de setembro

mércores, 18 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O mes pasado chegou a Nintendo Switch o xogo Pokémon UNITE, título con vocación de multiplataforma con xogo cruzado que curiosamente combinará a súa versión para Switch con plataformas móbiles, polo que veñen de abrir o rexistro nas tendas de aplicacións de Android e de iOS, de xeito que os usuarios que indiquen o seu interese por este título free-to-play recibirán un aviso e recompensas cando o xogo chegue a móbiles o 22 de setembro.
Pokémon UNITE é o primeiro xogo de Pokémon de combates estratéxicos de 5 contra 5 por equipos, podendo os xogadores participar en combates contra adestradores de todo o mundo con independencia de se están nunha Switch ou nun móbil se fan uso da súa conta do Club de Adestradores Pokémon ou da súa conta Nintendo, á vez que tamén poderán ter os progresos sincronizados en ambos dispositivos.
A proposta de Pokémon UNITE é moi diferente ao que estamos afeitos no mundo dos Pokémon, xa que nesta ocasión adopta mecánicas propias dun MOBA, de xeito que haberá que ir derrotando aos Pokémon que aparecen no mapa e ir avanzando até destruír a base dos rivais. A acción está ambientada na illa Aeos, na que entra en xogo a enerxía Aeos, que permite facer evolucionar os Pokémon. O xogo tamén conta con varios tipos de moedas virtuais (xemas, moedas e tíckets) dos que só as xemas precisarán do pagamento con cartos reais, pero como están enfocadas basicamente á compra de elementos estéticos podemos entender que o xogo quere afastarse do modelo de negocio do pay to win, ou sexa, que os xogadores poderán progresar por méritos propios e non en función dos cartos que gasten.

PUBLICIDADE