Polémica ao redor do Firefox por mor dun engadido instalado sen permiso

luns, 18 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O engadido Looking Glass muda o xeito no que saen en pantalla certas palabras chave.

A pasada semana Mozilla e NBC Universal lanzaron unha extensión experimental para Firefox chamada Looking Glass 1.0.3, que facía que algunhas palabras chave relacionadas coa serie Mr. Robot (como fsociety, robot ou privacy) aparecesen coa súa orientación invertida (concretamente volteadas horizontalmente e xiradas 180 graos), que podería considerase como unha promoción bastante orixinal se non fose porque a extensión instalouse de xeito automático para os usuarios que teñen activadas as funcións experimentais (opción marcada de xeito predeterminado), o que causou un grande malestar entre a comunidade de usuarios, que veu como non se lle pedía consentimento para instalar unha extensión e, especialmente, por estarmos ante publicidade.
Cómpre destacar que moitos usuarios non seguen a serie de televisión, polo que ao ver palabras que saían mal na pantalla do seu navegador podían pensar que o seu equipo informático estaba comprometido, especialmente ao comprobar que en Firefox aparecía de un día para outro unha extensión sen a súa intervención.
A intromisión nos navegadores web dos usuarios por parte de Mozilla é para moitos un comportamento inaceptable, como tamén o é o feito de que Mozilla, en vez de pedir perdón, limitouse a explicar a situación e instar agora aos usuarios a instalar o engadido Looking Glass 1.0.4 (versión que recoñece claramente a relación coa serie de televisión Mr. Robot) de xeito manual se queren participar no experimento.
Esta polémica está a causar un tremendo dano á imaxe de Mozilla porque a fundación insiste en que entre os seus principios están o considerar que a seguridade e a protección da intimidade dos usuarios non é algo opcional, o que choca bastante co que veñen de facer.

PUBLICIDADE