Policías e educadores xuntan forzas contra o mal uso das TIC nos menores

martes, 14 de maio do 2019 Redacción

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolleu hoxe unha xornada sobre o uso de redes sociais, o consumo de alcol e drogas e o acoso e violencia por parte dos menores. Na cita participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suances, quen foron os encargados de abrir a xuntanza. Logo foi a quenda do psicólogo especializado en menores, Javier Urra.
Asistiron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González.
Segundo indicou o vicepresidente, a cooperación e colaboración entre entidades, administracións e colectivos é de gran importancia para loitar contra os devanditos hábitos e poñer en práctica medidas que axuden ás novas xeracións a facer un uso en positivo das redes sociais e das novas ferramentas tecnolóxicas. “Cómpre traballar en equipo, cun enfoque multidisciplinar, xa que é unha cuestión que nos compete a todas e todos”, engadiu.
Á xornada asistiron gardas civís, policías nacionais, axentes da Policía Autonómica e da Policía Local, así como un amplo número de educadores e psicólogos.
No marco da inauguración incidiuse en que “é necesario non só poñer en común as experiencias e a formación senón ir máis alá e deseñar políticas de actuación útiles e prácticas, non só na intervención senón tamén na prevención, xa que os menores requiren maior protección e atención por parte das Forzas e Corpos de Seguridade”.
Na xornada, amais, púxose o foco nas “complexas problemáticas que afectan aos menores”, dende o consumo de alcohol ou substancias ata o acoso ou o ciberacoso, así como a violencia de xénero ou a homofobia. Segundo se fixo saber, “as novas tecnoloxías, se ben poden supoñer unha oportunidade para mellorar, tamén poden ser un foco de problemas”.

PUBLICIDADE