Política Lingüística achega recursos para comunicármonos cos Reis Magos en galego e na Rede
mércores, 29 de decembro do 2010
De metérmonos
estes días no fregado de felicitar o
Nadal e o Aninovo, por que non facelo poñendo un gran de area pola nosa cultura?
Dito doutro xeito: xa que enviamos unha tarxeta virtual de Feliz Ano ou nos
comunicamos cos Reis Magos, tamén está ben contribuír á normalización do galego
neste ámbito, xa que ninguén o vai facer por nós. Esta é a idea da campaña
posta en marcha nestas festas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística,
unha iniciativa que tenta recuperar e pór en valor “a morea de tradicións ligadas ao Nadal coas que conta a nosa terra:
especializades na cociña, personaxes como o apalpador ou o pandegueiro,
panxoliñas, contos e outras vivencias novas”. A campaña ten a súa faciana
dixital, e xa leva días á vista na web
do dito departamento da Xunta.
Nela podemos ver
varias maneiras de festexar estes datas en galego. Asemade, xunto a este espazo
en liña, a Secretaría Xeral puxo en marcha un certame de presentacións electrónicas
de Nadal dirixido, precisamente, a favorecer o asentamento do galego neste
eido. No
concurso, que xa rematou e xa ten gañadores, concorreron máis de 150
traballos.
A maiores, Política
Lingüística habilitou un servizo de subministro de postais electrónicas,
suxeitas a personalización e accesibles en www.postaisengalego.com.
Polo que respecta
aos Reis Magos e á súa chegada inminente, cómpre sinalar que tamén se habilitou
unha canle para comunicármonos con eles na nosa lingua. O servizo foi posto en
marcha pola Secretaría Xeral a través do Grupo Solnet, e xa podemos velo en www.cartasdosreismagos.com, un
espazo web que entre outras cousas lles permite ás nais e aos pais
solicitarlles aos Reis Magos unha carta personalizada para os seus fillos,
asinadas polas propias maxestades de Oriente. “Coa colaboración neste proxecto, que se materializa no asesoramento e
revisión lingüística de todos os materiais ofertados en galego, a secretaría
xeral quere contribuír a alimentar a ilusión dos máis pequenos e a favorecer a
presenza do galego na súa comunicación cos Magos de Oriente”, sinala o
departamento da Xunta.