Política Lingüística achega 385.000 euros a proxectos innovadores a prol do galego en centros educativos
luns, 15 de xaneiro do 2024
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mobiliza este ano académico 385.000 euros en axudas para proxectos innovadores de fomento do uso da lingua galega en centros de ensino regrado non universitario. As convocatorias foron publicadas no DOG este luns 15 de xaneiro. Na admisión de proxectos teranse en conta variábeis como o grao de implicación activa da comunidade educativa ou o nivel de uso das novas tecnoloxías.
A Consellería convoca cada ano esta liña de axudas co fin de “contribuír a financiar as actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado dos centros da nosa comunidade”. Con estas accións, o Goberno autonómico busca “reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos” e “facilitar ao alumnado unha oferta escolar que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz”.
Os centros interesados deberán presentar as solicitudes entre o 16 de xaneiro e o 15 de febreiro a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A solicitude deberá ir acompañada dunha copia do proxecto e un cadro resumo das actividades previstas e, no caso das subvencións para centros privados, da documentación fidedigna acreditativa da representación. O financiamento máximo que poderá recibir cada centro será de 1.000 euros no caso dos públicos cunha matrícula superior a 35 estudantes e dos privados cunha matrícula superior a 50.
Os proxectos que resulten admitidos cualificaranse tendo en conta, fundamentalmente, a súa calidade, que será puntuada de 0 a 24 en función das seguintes variábeis: grao de implicación activa dos membros da comunidade educativa, nivel de utilización das novas tecnoloxías, grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, grao de colaboración con outros centros educativos, realización de actividades plurianuais e tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso.
O número de estudantes do centro tamén se ponderará para os efectos de cualificación do proxecto, de maneira que se concederán 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción ata un máximo de 6 puntos.