Política Lingüística celebra o 90 aniversario da radio en Galicia coa nova edición dos Premios de Podcast Xosé Mosquera
martes, 14 de novembro do 2023
A
Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vai
conmemorar o 90 aniversario da radio en Galicia colaborando un ano
máis cos Premios de Podcast en Galego e Portugués Xosé Mosquera
Pérez, O Vello dos Contos, convocados en colaboración co
Instituto Rosalía de Castro e Arraianos Producións. O obxectivo
deste certame, que chega á súa sexta edición, é fomentar entre a
mocidade as linguas galega e portuguesa a través das novas
tecnoloxías, así como promover a historia da radio en Galicia
reivindicando a figura da súa primeira estrela mediática, Xosé
Mosquera.
Así
o anunciou este martes 14 de novembro o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, durante a presentación da nova
edición destes premios no Instituto Rosalía de Castro, onde tamén
participaron o director do dito centro, Xabier Mouriño; Aser
Álvarez, de Arraianos Producións, e Loliña Mosquera, filla de Xosé
Mosquera.
García
indicou que iniciativas coma esta, que xiran arredor da radio, medio
de comunicación oral por excelencia, “son importantes para animar
a mocidade a falar o galego en distintas situacións, para axudala a
mellorar a súa expresión oral de maneira que se sinta cómoda
empregándoa en calquera ámbito, espazo ou nivel de formalidade”.
Ademais,
Valentín García adiantou que desde o Goberno galego vaise estender
este 90 aniversario durante todo o curso escolar 23-24 cunha
exposición itinerante sobre a figura de Xosé Mosquera, que visitará
varios centros de ensino de Galicia e Norte de Portugal, e coa
impartición de obradoiros sobre a creación de podcast entre a
rapazada.
As
bases do certame
Poderán
concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de
ensino de Educación Primaria (5º e 6º cursos) e Secundaria de
Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario de
Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo
nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar
o alumnado da mesma idade das escolas do norte de Portugal.
A
solicitude de participación, que deberá formalizar o director ou
directora do centro de ensino, poderá enviarse ata o 21 de decembro
deste ano. Pola súa parte, os traballos, que deberán ser orixinais
e inéditos, poderán presentarse ata o 1 de maio de 2024. Estes
deberán estar relacionados coa vida e obra de Luísa Villalta,
homenaxeada nas próximas Letras Galegas, ou con outros aspectos do
patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia a do norte de
Portugal.
O
certame establece dous premios, que serán anunciados antes do remate
do curso escolar: un ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º de
Primaria e outro ao mellor traballo dos centros de ensino secundario
e doutros centros de ensino non universitario. Ambos os dous están
dotados con 500 euros, lotes de libros para a biblioteca escolar,
unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o
centro e un diploma acreditativo.
As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega.