Política Lingüística e o centro CAFI achegan catro xornadas online sobre Xela Arias

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), activaron esta semana (onte xoves) o programa de sesións (catro sesións en total) da VII Xornada do Día das Letras Galegas, que ten como protagonista á poeta homenaxeada este ano pola Real Academia Galega, a sarriá Xela Arias.
Todas as sesións formativas e divulgativas deste programa desenvolveranse de maneira virtual nas tardes do 22 e 29 de abril e mais do 5 e 13 de maio.
As actividades, logo da cita inaugural desta semana, proseguen o vindeiro xoves ás 18.00 horas con relatorios de Yolanda Castaño (A aventura de ser unha mesma), Manuel Bragado (Xela Arias no pouso dos afectos), Alejandra Campo Penín (Seminario Galán. Xela Arias, Letras Galegas 2021. Actividades na Rede), e Olalla Liñares (Xela Arias nas Ondas).
A través das conferencias e das experiencias de traballo dos equipos de dinamización da lingua galega de diversos centros educativos, o ciclo de xornadas tentará achegar a figura de Xela Arias ao profesorado encargado de divulgar a súa obra entre o resto da comunidade educativa.
Alén diso, favorecerase o intercambio de materiais, recursos e experiencias creados e desenvolvidos polos equipos de dinamización da lingua galega.
O profesorado interesado en participar pode inscribirse na web da Consellería de Educación ata o 21 de abril de 2021. O programa das xornadas está dispoñíbel en formato PDF no portal Lingua.gal de Política Lingüística.

PUBLICIDADE