Política Lingüística pide a integración do galego na plataforma tecnolóxica europea OLS

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este 16 de febreiro na sesión do Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo para tratar a inclusión do galego, o catalán e o éuscaro na plataforma Online Language Support (OLS) do programa Erasmus +. A reunión celebrouse en Estrasburgo. No seu transcurso, García dixo que o estudo do galego “abre unha porta de entrada perfecta ao mundo da lusofonía, que engloba 250 millóns de habitantes”.
A aplicación OLS é unha gratuíta e en liña que ten como finalidade facilitar aos estudantes que se acollen ao programa de mobilidade europea Erasmus e aos participantes do programa europeo de solidariedade (European Solidarity Corps) a aprendizaxe das linguas oficiais da Unión Europea, así como do islandés, macedonio, noruegués, serbio e turco.
O representante da Xunta sinalou que as tres universidades públicas galegas “reciben cada curso algo máis de 1000 alumnos e alumnas para realizar os seus estudos como participantes do programa Erasmus +”.
Neste marco, Valentín García fixo fincapé en que o slogan a través do que se promove Erasmus+ 2021-2027 afirma que este programa “é máis inclusivo, máis dixital e máis ecolóxico”. E engadiu: “Cómpre que a lingua galega, o código de comunicación dun millón e medio de falantes na actualidade, estea presente na Online Language Support para que as persoas que cursan os seus estudos en Galicia poidan integrarse na nosa sociedade en xeral e na comunidade universitaria en particular”, sinalou.
Ademais, aproveitou para lembrar que a lingua galega, “que formou parte dun tronco lingüístico común co portugués ata o século XV, é aínda a día de hoxe unha porta de entrada perfecta no amplo mundo da chamada lusofonía, que engloba un total de 250 millóns da falantes en catro continentes”. Deste xeito, “dándolles a posibilidade de aprender o galego, estáselles entregando tamén unha chave para abrir esa porta”, dixo.
A solicitude de inclusión das tres linguas cooficiais na OLS foi impulsada pola Xarxa Vives d´Universitats, que engloba 22 universidades de Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Andorra. Co tempo, foi sumando o apoio de numerosas universidades e gobernos autonómicos do resto do país, incluíndo recentemente a do Ministerio de Universidades do Goberno de España. A decisión final será tomada pola Unión Europea tras un período de reflexión.

PUBLICIDADE