Política Lingüística pon no Portal da Lingua o disco Ailá de Nadal

martes, 28 de novembro do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a programación da XI edición de Nadal en Rede, o programa cultural autonómico para o impulso do galego durante as ditas festividades e que nesta convocatoria achegará seis propostas de ocio a 41 concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.
O titular de Política Lingüística, que estivo acompañado dos representantes das compañías artísticas participantes, anunciou ademais que este ano “preséntase por primeira vez un disco con cancións de Nadal en lingua galega da man do grupo Ailá para contribuír a divulgar e dar a coñecer o rico patrimonio galego da tradición oral destas datas”.
O disco, Ailá de Nadal, está composto por oito temas tradicionais cos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o grupo folk galego queren animar os comercios e familias a ambientar e celebrar as festas en lingua galega. O disco completo pode escoitarse no Portal da Lingua Galega.
Actividades e 41 concellos
En canto ás actividades, Nadal en Rede ofrece seis propostas distintas que van desde o teatro á música pasando polos monicreques ou as contadas. A primeira cita será o venres 1 de decembro no Centro Cultural Manuel Lamazares, en Rodeiro, co espectáculo teatral A viaxe feliz de Ramón San Fiz, da compañía Fantoches Baj. Baseada no libro Galicia, de Francisco Fernández del Riego, esta peza teatral para público familiar e adulto visitará posteriormente os concellos de Boborás, Moaña, Xermade, Vila de Cruces, Santa Comba, Mondoñedo, Cariño, Fene e Bóveda.
Outras propostas para público infantil e familiar son Palabras, de Baobab Teatro, que a través da música, os xogos e as historias tradicionais chegará da man de Nadal en Rede aos concellos de Padrón, Mos, Sanxenxo, Pobra de Trives, Cee, O Corgo, Monterroso e Baiona; e Os Piñeiriños. Xa é Nadal, que visitará cos seus protagonistas, Fuco e Xela, os concellos de Vigo, A Estrada, Santiso, Vilanova de Arousa, Lalín e Mondariz-Balneario.
Tamén para a cativada e as súas familias son os espectáculos Contos e cantos de Nadal, no que o trío composto por Uxía, Sèrgio Tanus e Santiago Cribeiro interpretará un repertorio propio destas festas en Poio, Cerdedo-Cotobade, Ribeira, Outes, Oímbra, Xinzo de Limia, Covelo e Soutomaior; e Contos de Nadal, no que que a contadora Ángeles Goás invita o público a mergullarse na escoita de historias propias destas festas en Brión, Gondomar, A Fonsagrada, Oroso e San Cristovo de Cea.
As datas concretas dos espectáculos serán dadas a coñecer no Portal da Lingua.