Política Lingüística porá o foco en Internet, as redes sociais e as áreas urbanas

venres, 30 de abril do 2021 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Parlamento as liñas de traballo da área autonómica que dirixe, que aumenta o seu orzamento un 53%. Segundo fixo saber unha das grandes prioridades de actuación será o fomento da nosa lingua nas familias e na mocidade. Para isto, porase o foco nas redes sociais e nas novas ferramentas, recursos de gran presenza nos fogares e moi empregados polas novas xeracións.
Como indicou, este incremento na Consellería de Cultura, Educación e Universidade “fai posíbel que a lingua galega vaia a estar aínda máis presente nos espazos de socialización da mocidade”. O secretario xeral recordou que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística “constatan que hoxe falan galego máis persoas en Galicia que hai cinco anos e que o galego se reforza como lingua maioritaria”. Para dar continuidade a estes traballos, avanzou que os esforzos “focalízanse agora en eidos específicos como Internet, as redes sociais e as zonas urbanas”.
Tamén tivo palabras para debullar as distintas liñas en marcha en colaboración coas universidades galegas para “estudar e analizar as interaccións nas redes sociais coa lingua galega”, sendo a previsión intensificar a programación cultural que fomente o noso idioma nos fogares.
Asemade fixo mención ao aumento orzamentario previsto para os programas de promoción do galego así como para actividades de formación, cun incremento neste caso superior ao 77% que inclúe facilitar a súa realización a través dun novo modelo de probas CELGA en liña.
Salientou tamén a utilidade de ferramentas como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, do que está en marcha a segunda convocatoria, e “que na súa primeira edición facilitou máis de 300 proxectos culturais en galego”.

PUBLICIDADE