Política Lingüística premia os contidos innovadores do CEIP Virxe do Camiño de Rubía para celebrar as Letras
luns, 16 de maio do 2022
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, entregou este luns 16 de maio o premio ao traballo
transmedia gañador do Concurso Exposición Letras Galegas
2022 na modalidade de ensinanza Infantil e Primaria. Fíxoo no
colexio CEIP Plurilingüe de Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense).
García deu os parabéns ao proxecto gañador “polo seu coidado
traballo”, unha obra colectiva que apostou polos formatos
innovadores e “que implicou a profesorado e alumnado”, dixo. O
secretario xeral tamén salientou “o importante labor que realizan
por toda a Comunidade os equipos de dinamización da lingua galega
dos centros educativos”.
Xunto
ao representante autonómico interviñeron a xefa territorial de
Ourense, Judith Fernández Novoa; o alcalde de Rubiá, Elías
Rodríguez Núñez; a directora do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño,
Andrea Tato, e o representante da familia Gurriarán, Ricardo
Gurriarán.
No
acto entregouse o
cheque co premio ao coordinador do proxecto, Felipe Ulloa González,
e do diploma acreditativo a Andrea Tato. Logo, o alumnado gañador
recreou o poema A
muiñada
da obra Bebedeira
de Florencio Delgado Gurriarán.
Valentín
García engadiu que o traballo
gañador na categoría de Infantil e Primaria, Florencio
Delgado Gurriarán, poeta do agro,
incluíu
“un harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a
orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das
diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración”. Os
carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes
tarefas de gamificación
e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así
como orixinais vídeos de animación, na procura de difundir a vida e
a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo.
Todos estes materiais atópanse no Portal
da Lingua Galega
e no blog do centro, O
guieiro de Florencio.
IES
Cosme López (A Rúa)
Seguidamente,
Valentín García desprazouse ao IES Cosme López da Rúa (Ourense)
para presentar a exposición sobre a figura homenaxeada pola RAG este
17 de maio correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do
ensino non universitario.
Ao
acto asistiron tamén a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández
Novoa; a directora do IES, María Rosario Alonso Casas; os autores
destes materiais, Débora Álvarez Moldes e Xulio Pérez Veiga, e o
representante da familia Gurriarán, Ricardo Gurriarán.
Durante
a xornada, o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Cosme López
recitou poemas sobre o homenaxeado e o público asistente visitou a
exposición onde, ademais dos carteis das Letras Galegas, puido
contemplar un lenzo coa caracterización de Gurriarán que foi
realizado polo alumnado.
Cada
unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía
didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis
significativos da biografía e pola obra e a época do autor
homenaxeado no Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores
de libros e outros materiais. Todos eles están dispoñíbeis
no
Portal da Lingua Galega.