Política Lingüística salienta o labor do blog Fala Londres polo seu novo recoñecemento

luns, 20 de xaneiro do 2014 Redacción

Clase de galego do Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres

O proxecto-blog Fala Londres, que en abril de 2012 obtivo un importante recoñecemento de mans do INTEF polo seu bo emprego das novas tecnoloxías, volve estar de celebración co comezo deste ano 2014, tal e como sinalamos os días pasados dende Código Cero. O caderno en cuestión, unha achega do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, vén de ser premiado na convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié. A iniciativa, como lembraremos, emprega as tecnoloxías da información como ferramenta para promover a aprendizaxe da nosa lingua entre os galegos da capital británica. Esta fin de semana, a Administración autonómica reflectiu polo miúdo os seus logros.
Recordar tamén que o dito instituto é un dos centros de ensino preuniversitario de fóra da nosa terra onde se oferta a materia de lingua galega grazas a un convenio asinado entre o Ministerio e a Consellería de Cultura e Educación (Secretaría Xeral de Política Lingüística).
Volvendo ao recoñecemento da Fundación Barrié, dicir que o blog Fala Londres, creado por Xaime Varela (profesor de galego do centro), foi premiado na modalidade de proxectos por ter apostado firmemente polas ferramentas da web 2.0 “para promover a aprendizaxe do galego, a integración e a valoración do idioma propio”. Segundo reflicte Política Lingüística, nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a inxente actividade que se desenvolve no instituto londiniense arredor da área de lingua galega “ao tempo que se incentiva a participación de toda a comunidade educativa e mais da comunidade galega residente na capital do Reino Unido”.
Lembrar que Xaime Varela imparte docencia de galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch grazas a un convenio de colaboración vixente dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, entidade da que depende o centro educativo. O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires- é un dos centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Estes colexios responden ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación non galega.
Polo que respecta á convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié, dicir que responde ao obxectivo de estimular e recoñecer a tarefa do profesorado, dos centros e doutros axentes do sistema educativo de Galicia. Na presente edición, estableceu tres modalidades –proxectos intercentros, proxectos de centro e proxecto colaborativo en que participe un colexio e unha entidade sen ánimo de lucro- e outorgou cinco premios. Como reflectimos recentemente dende Código Cero, amais do Instituto Español Vicente Cañada Blanch, foron recoñecidos polos seus proxectos o CPR San José de Pontedeume, o CIFP A Xunqueira (coa Asociación Amencer ASPACE), o IES David Buján de Cambre (en colaboración con diversos centros estranxeiros) e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (xunto coa Asociación Cultural Xermolos e o Grupo de Investigación de Pedagoxía, Historia e Sociedade da Universidade da Coruña).