Poly Studio P21, un monitor para facer videoconferencias

xoves, 4 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A empresa especializada en produtos para videoconferencias Poly está a presentar a súa nova gama de produtos Studio P, que estréase coa webcam Full HD P5, a barra de vídeo persoal 4K P15 e un produto moito máis rechamante, o monitor para videoconferencias P21.
O Poly Studio P21 é un monitor de 21 polgadas que integra cámara, micrófono, altofalantes e iluminación, de xeito que facilita a realización de videoconferencias de calidade dun xeito práctico e sinxelo, que é compatible con calquera aplicación de vídeo con só conectar o monitor a un PC ou Mac a través de USB. Amais, a base do monitor integra un cargador por indución con tecnoloxía Qi, de xeito que serviría para cargar a batería do noso smartphone durante as xornadas de traballo.
Como outros produtos semellantes, a cámara do monitor pode taparse (medida de protección para os máis temerosos de invasións da súa intimidade), aínda que o máis rechamante desta pantalla é que nos seus laterais conte con iluminación ambiental axustable, co que buscan que a cara do usuario que queira realizar videoconferencias estea ben iluminada por ambos lados.
Aínda que Poly asegura que este monitor é de calidade profesional, ao ofrecerse nun único tamaño e sen características de imaxe rechamantes, proponse como un monitor secundario, o que pode parecer razoable nos escenarios cun elevado número de videoconferencias e xuntanzas virtuais, aínda que o elevado prezo do produto (815 dólares) fai que sexa un investimento que haxa que pensar dúas veces.

Vídeo promocional do Poly Studio P21

PUBLICIDADE