Pont-Up Store abre as súas portas estreando unha versión virtual e permanente da feira

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

A feira de emprendemento Pont-Up Store abriu as súas portas, reais e virtuais, este 24 de setembro en Pontevedra, coa praza de España como eixe de actividades (onde os responsábeis do proxectos de mercado participantes mostran ao detalle as súas propostas). Segundo a organización, este ano constatouse un importante incremento das contribucións lideradas por mulleres, sustentábeis e coa vista posta no rural. De feito, dos 40 emprendementos que participan, un 55% están liderados por mulleres, e que teñen no corazón da súa filosofía empresarial a sustentabilidade.
Esta edición acolle ademais un dos grandes acontecementos da historia da Pont Up Store: a posta en marcha do espazo dixital_pontup, un espazo virtual que permitirá manter a actividade da comunidade emprendedora galega durante todo o ano, con experiencias inmersivas que van desde visitas virtuais a empresas con compra incluída, ata a organización de eventos en liña relacionados co mundo do emprendemento.
No acto de apertura participaron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra; Jorge Soto Carballo, vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Manuel González Martínez, deputado provincial na Deputación de Pontevedra; María del Carmen Fernández Pena, directora Territorial de Pontevedra de Abanca; e o director do encontro, Pedro Figueroa. Tamén asistiron ao acto, Tino Fernández, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra; Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Teté Vilar Moral, responsábel de emprendemento da CZFV; Pablo Louro Carballeira, delegado Gadisa na Provincia de Pontevedra; Jose María Corujo Seguido, presidente de AEMPE; e Jesús Rey Rodríguez, presidente de AJE Pontevedra.
Pedro Figueroa destacou “o paso histórico que se dá nesta edición ao poñer en marcha unha plataforma de posibilidades infinitas que nos vai permitir adaptarnos mellor a situacións como a acontecida na pandemia e que ademais vai facilitar e acelerar con moito o medre das empresas que forman parte da nosa comunidade, que a partires de agora van ter á súa disposición un escaparate permanente os 365 días do ano, un lugar de encontro e intercambio de experiencias para aproveitar durante 12 meses as mesmas sinerxías que vemos cada edición no encontro presencia, desde reunións e eventos ata visitas a cada negocio coa posibilidade incluso de realizar compras”. Trátase da aplicación dixital_pontup, desenvolvida por Xeométrica (empresa participante na segunda edición do Pont-Up Store e que na actualidade pertence ao Grupo Coterena), que foi posíbel grazas á achega de 6.000 euros por parte da Concellaría de Promoción Económica de Pontevedra.
Segundo fixo saber Figueroa, a plataforma dixital_pontup permitirá que as empresas que fan parte da comunidade emprendedora do Pont-Up Store poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, “outorgando ademais unha meirande proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”. Amais, engadiu o director da feira de emprendemento pontevedresa, a nova ferramenta dixital permitirá, entre outras cuestións, contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento; e máis a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición e que mostrará unha recreación dixital e interactiva da súa tenda. Tamén posibilitará contactar en tempo real por medio de videochamadas ou efectuar compra.
Máis mulleres
O director do Pont-Up Store tamén destacou que esta edición do Pont-Up estará “claramente liderada polo emprendemento feminino, que supón un 55% das empresas que van dar a coñecer as súas iniciativas”, e tamén é “decididamente sustentábel con case un 100% das iniciativas aplicando criterios de respecto ao medio ambiente de forma transversal ou como sinal de identidade”. Ademais, dixo, “constátase o crecemento do emprendemento radicado en vilas e aldeas que supón xa un 40%, fronte o 60% que se asenta nas cidades, e, entre estas últimas, Vigo é o polo emprendedor por excelencia dentro da provincia de Pontevedra que protagoniza o 50% das iniciativas”.
Un fervedoiro de emprendementos
En total van participar nesta edición 40 startups galegas; 35 serán empresas cun emprazamento de seu, e outras 5 empresas desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Entre elas hai un grupo de 12 empresas con negocio de nova implantación neste contexto actual de pandemia e unha que recunca no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa. Entre as empresas seleccionadas ao abeiro desta convocatoria salientan (entre outras) as propostas tecnolóxicas Evourbe, que vai presentar un sistema intelixente de xestión de estacionamento que nace co obxectivo de revolucionar o estacionamento nas cidades, ou Vi&Go, que lanza un proxecto de mobilidade sustentábel mediante subscrición de motos eléctricas e intelixentes e un sistema de carga de baterías.
Tamén estarán presentes iniciativas tan sobranceiras como Benestar Market, un espazo online onde comprar produtos naturais, sustentábeis e zero waste; SmartWood, unha ferramenta orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais; Weet Energy & Telecom, unha contribución innovadora para crear novos xeitos de abastecemento eléctrico; ou I+ADN, consultora de innovación.

PUBLICIDADE