Pont-Up Store dá a coñecer os 40 emprendementos disruptivos que participarán nesta edición
mércores, 23 de xullo do 2025
O evento de emprendemento Pont-Up Store traerá de volta a Pontevedra o talento e a innovación os días 19 e 20 de setembro cun programa no que se integrarán un total de 50 participacións empresariais, escollidas tras un difícil proceso de selección.
A organización recibiu este ano máis de 150 candidaturas que, segundo a organización, “volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego”, que está focalizándose no rural e con protagonismo feminino.
Así, as empresas con base na Galicia non urbana, un 59,38%, volven destacar por riba das que se asentan nas cidades nun contexto moi innovador no que as mulleres lideran o 62,50% das candidaturas recibidas.
Canto as modalidades de participación, 32 empresas foron seleccionadas para contar cun stand na carpa da praza de España e nalgúns casos tamén para realizar actividades demostrativas dos seus produtos ou servizos dentro do programa. Ademais, oito emprendementos van presentar modelos de negocio de alto potencial ao xurado da Pont-Up Venture mediante un pitch de 3 minutos que lles dará acceso a oportunidades de financiamento.
Un sistema para erradicar as reservas pantasma nos restaurantes
A empresa canguesa Masel presentará en setembro no Pont-Up Store unha ferramenta de xestión para hostelería con Intelixencia Artificial (IA) integrada que, ademais de axudar a reducir mermas en cociña e barra, integra unha aplicación móbil para camareiros e clientes e un sistema de reserva de mesas que minimiza o impacto das temidas ausencias ás que se enfronta o sector nos últimos tempos.
Serenia, a asistente virtual galega deseñada para coidar e entreter a persoas maiores
A empresa de Moaña, Serenia Solutions SL enfoca as súas innovadoras solucións tecnolóxicas innovadoras ao coidado e benestar das persoas. O produto co que se presenta nesta edición do Pont-Up Srtore é unha asistente virtual orientada a persoas maiores e séniors que ofrece acompañamento e entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da saúde, como a ansiedade, a depresión ou o deterioro cognitivo, a partir das conversas. As interaccións cos usuarios son supervisadas pola IA na procura de posibles indicios de problemas de saúde cognitiva ou emocional ofrecendo así un importante servizo de prevención e coidado da saúde.
Un Uber para tractores
Agrolistik é unha aplicación que pon en contacto a propietarios de leiras con tractoristas e outras persoas do sector forestal, solucionando o problema que supón atopar a alguén disposto a limpar unha leira. O equipo impulsor desta proposta, nacida en Sanxenxo ao abeiro da empresa Agro4Impact, aspira a converterse no sector agrícola e forestal o que Uber é aos coches. Trátase dunha nova firma tecnolóxica spin-off da Universidade de Vigo que se desenvolveu con axuda dos fondos IGNICIA da Xunta e actualmente está xa monetizando cos primeiros contratos relevantes.
