Pont Up Store encherá de innovación as rúas de Pontevedra con máis de 40 actividades

venres, 14 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Xa falta menos para o inicio da quinta edición da Pont Up Store, que vai converter Pontevedra (novamente) nunha cidade virtual e literalmente innovadora: a innovación das empresas locais e galegas estará a pé de rúa e sairá ao paso da veciñanza, grazas non só á palestra de iniciativas revolucionarias de mercado da praza de Pontevedra (onde case medio cento de empresas lucirán os seus emprendementos), senón tamén ao programa de actividades programadas para diferentes recantos da cidade: até 40 actividades. Pont Up Store, organizada polo Campus local (UVigo) e o Concello, desenvolverase do 20 ao 22 de setembro.
Onte deuse a coñecer no consistorio o programa definitivo. Na cita cos medios participaron Carme Fouces, concelleira de Cultura; Javier Dios, deputado provincial de Innovacion e Promoción Económica; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont Up Store.
Os participantes no acto, logo de presentar os obxectivos da feira, metéronse de cheo nos detalles do programa, que, sinalaron, abrangue máis de 40 actividades repartidas por toda a cidade que comezará a quinta feira (xoves 20) ás 11.00 horas cun dos dous obradoiros I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo deste workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Na cita cos medios lembrouse que esta actividade de Google encádrase nos obxectivos de reivindicación do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización.
Os participaron recordaron a maiores que Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais.
O epicentro da Pont Up Store volverá ser a carpa situada na praza de España, durante os días 21 e 22, onde se mostrará boa parte da maquinaria innovadora do tecido produtivo galego. En concreto, a organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. A organización lembrou tamén que este ano duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse moito “a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sustentábel de moitas delas”. Esta edición, díxose na presentación, “confirma un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas”.
Destas 45 empresas, 37 contarán cun espazo propio de balde (na devandita carpa) para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas.
A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes emprazamentos durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visualiza á muller como emprendedora e acompaña un programa planeado con perspectiva de xénero.
Moi preto da praza de España, na Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20 un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, e de introducirse tamén no eido da robótica.
A organización estrea tamén o Espazo Gaming, encamiñado a achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios obradoiros prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración.
Pola súa banda, o Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social.
Amais, no Puntazo Exprés dez novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT); María Caldeiro, xerente de Fundamar; Alba Baños, responsable da área de Analítica de Redegal e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones. Este ano, como novidade ás presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo de réplica.

PUBLICIDADE