Pont-Up Store incorpora unha nova modalidade para o emprendemento tecnolóxico: Pont-Up Venture

venres, 14 de xuño do 2024 S. P.

Este xoves 13 de xuño presentouse no Concello de Pontevedra a undécima edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2024, promovido polo Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que se celebrará os días 20 e 21 de setembro na praza de España da cidade do Lérez: unha cita que ten como obxectivo apoiar o emprendemento e o incremento da cultura emprendedora e innovadora. Participarán 40 novos proxectos empresariais dando a coñecer os seus produtos e servizos no recinto que se instalará na carpa da praza de España. Xunto á posibilidade de contar cun posto gratuíto neste espazo e de promover actividades demostrativas, o encontro terá como principal novidade o Pont-Up Venture, unha nova modalidade de participación centrada nas iniciativas de emprendemento de base tecnolóxica.
Ata o 5 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar no evento, impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, así como de preto de 50 entidades públicas e privadas.
A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente primeiro da Deputación, Rafael Domínguez, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, participaron este xoves, xunto ao presidente da asociación promotora, Pedro Figueroa, na presentación das “liñas mestras” dunha edición que combinará novamente a visualización dos emprendedores e emprendedoras cun programa de actividades complementarias.
Como lembrou Lantarón, Pont-Up Store deu comezo hai once anos da man do grupo de investigación que Figueroa dirixiu na UVigo ata a súa xubilación, contribuíndo desde os seus inicios á “dar visibilidade ao emprendemento”, o que é tamén unha das “liñas estratéxicas” da institución académica.
A feira, dirixida a proxectos cuxa traxectoria non supere os tres anos e medio, contará neste 2024 con tres modalidades de participación. Por unha banda, explicou Figueroa, as empresas poden optar a un 36 postos de balde que serán habilitados no recinto, así como a promover “actividades demostrativas” neste espazo, un formato que se recupera nesta edición despois “de que se interrompese o ano pasado pola celebración do décimo aniversario”. A estas dúas opcións súmase á “innovación máis importante deste ano”, o Pont-Up Venture, centrado en iniciativas empresariais de base tecnolóxica. Tratarase dun evento para o que serán seleccionados seis proxectos, cuxos responsables presentarán, en intervencións de tres minutos, a un xurado integrado por “especialistas en financiamento de startups”, co obxectivo de que poidan atopar vías de financiamento para as súas propostas. Sendo posíbel optar tanto a unha como a varias destas modalidades, as candidaturas para participar no Pont-Up Store poderán presentarse ata o 5 de xullo. De entre as propostas recibidas, a organización seleccionará preto de 40 proxectos, tendo en conta criterios como orixinalidade, innovación e creatividade, valor social, sustentabilidade, potencial impacto económico e social e capacidade de desenvolvemento no futuro.
A visualización de proxectos emprendedores verase complementada, un ano máis, por un programa de actividades que terá un dos seus eixes na economía social, á vez que xirará tamén en torno á tecnoloxía e o financiamento. Esta programación contará tamén con conferencias e coloquios que porán o foco en cuestións como a ciberseguridade ou o papel da Intelixencia Artificial no emprendemento.
Na cita participou tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen salientou o “gran carácter emprendedor e a longa tradición innovadora” da cidade e máis concretamente do Pont-Up Store. Ademais, animou a todos os que teñan un proxecto emprendedor a inscribirse no Pont-Up Store antes do 5 de xullo e recalcou que o Goberno provincial é “moi consciente da necesidade de favorecer a cultura do emprendemento. Queremos impulsala, promovela e espallala por todos os recunchos da nosa provincia, porque hai tantas e tan boas iniciativas que non podo ser máis optimista polo prometedor futuro que ten a nosa provincia”.

PUBLICIDADE