Pont-Up Store mostrará o potencial emprendedor do país co foco posto no rural

martes, 3 de xuño do 2025 S. P.

Pontevedra acolleu este martes 3 de xuño a presentación da 12ª edición da feira Pont-Up Store, evento referencial de fomento da innovación e o emprendemento que mostrará na cidade do Lérez máis de 40 novas ideas de negocio a fin de semana do venres 19 e sábado 20 de setembro. Segundo se fixo saber, este ano mostraranse as posibilidades do noso rural para revolucionar os sectores produtivos e porase o foco en iniciativas concretas de emprendemento non urbano.
No acto participaron a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández López; o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; a vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVigo, Eva Lantarón Caeiro; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego, quen explicou que “nesta edición queremos ser o escaparate da crecente cantidade de iniciativas de emprendemento que están xurdindo en toda Galicia, cunha campaña na que poñeremos un especial énfase nas vilas e aldeas do rural galego”.
O director do encontro tamén sinalou que neste 2025 no que se celebra o Ano Internacional das Cooperativas, “imos reforzar a nosa aposta polas fórmulas de economía social á hora de emprender con varias actividades en colaboración coa Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop”. Continuando coas novidades desta edición, Figueroa engadiu que “tamén queremos abrir espazos onde mostrar as iniciativas e o gran talento que hai noso sector audiovisual, entendido nun sentido amplo que inclúe tamén a música, os videoxogos e todas as derivadas das industrias culturais e creativas en sinerxía coas liñas profesionais do Campus Crea que deu orixe a este encontro”.
Pont-Up Venture medra nesta edición
Nesta edición volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades para dar a coñecer produtos e servizos; e participar na Pont-Up Venture, a revolucionaria proposta en formato talent business que este ano medrará para acoller ata oito emprendementos que terán a oportunidade de presentar as súas ideas de negocio para acadar financiamento. Para conseguilo, deberán convencer en 3 minutos a un xurado composto porLuis Taboada, ⁠CEO da tecnolóxica Qbitia; Olimpia Carabel, directora de investimentos en Faraday Venture Partners; Jorge Leiro, xestor en Torsa Capital e no fondo Lugo Transforma; Carmen Pumariño, xestora do fondo de impacto de Zubi Capital e Jorge González, analista de novas oportunidades de investimento en Netaccede. Poden participar proxectos persoais e tamén de entidades, empresas, asociacións ou colectivos, que deben ter “unha base tecnolóxica sólida ou destacar polo seu enfoque innovador”. O proxecto empresarial mellor valorado recibirá unha contía económica, a inclusión no programa Perks de Google e o acceso preferente á incubadora ViaGalicia de Zona Franca.
Candidaturas abertas ata o 4 de xullo
Tanto para esta modalidade como para participar con stand ou realizar unha actividade demostrativa, os emprendementos deben ter un percorrido de menos de 3 anos e medio (42 meses) dende a súa creación. As candidaturas para participar nesta edición poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 4 de xullo a través da web da Pont-Up Store. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto; o valor social, a sustentabilidade, a claridade e concreción, o potencial impacto económico ou social, e a capacidade de desenvolvemento futuro.
Unha campaña que ilustra os tres eixes do encontro
O director do Pont-Up Store tamén falou da campaña creativa desta edición, que parte dunha proposta da artista Sarai Lorenzo, unha das empresas integradas na Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store. A ilustradora realizou para o evento unha creación que ten como obxectivo “dar a coñecer dunha forma clara e atractiva as tres grandes áreas de participación do Pont-Up Store: stands, actividades e presentación de novos proxectos empresariais no formato Venture”, explicou Figueroa.
Unha edición pilotada desde a Asociación
O evento Pont-Up Store está organizado desde a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, na que se integran xa 220 empresas que se foron sumando ao longo das 11 edicións celebradas, co patrocinio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra no seu papel de patrocinador principal, a Universidade de Vigo como impulsora do evento e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través do Igape e das áreas de Emprego e Igualdade, Abanca, R e Zona Franca de Vigo, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de “converter a Pontevedra na capital galega das iniciativas empresariais máis relevantes”.