Pont-Up Store premiou media ducia de proxectos empresariais revolucionarios

luns, 23 de setembro do 2024 S. P.

O pasado sábado ao mediodía entregáronse en Pontevedra os premios ás mellores iniciativas empresariais desta 11ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. Foron recoñecidas La Vanetta (mellor proxecto de emprendemento coa súa proposta de alimentación vegana), Buscalume, Reclamo Estudio, a axencia Moira, a Asociación Clean Energy Ship e, na sección de TIC e novas tecnoloxías, a firma Krealt. Tamén recibiron premio Sembra Biojoyas, Terras de Boborás e a plataforma web Cuotalis.
Ao acto asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra; José Luis Ramírez Matos, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store xunto a unha representación do comité organizador.

La Vanetta e outras firmas revolucionarias distinguidas

La Vanetta conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento nesta edición coa súa proposta de alimentación vegana. O xurado salientou que esta nova firma innovadora do sector foodtech nacida en 2023 está revolucionando o sector ofrecendo alternativas vexetais e sostíbeis para substituír a carne. Os produtos que ofrecen, como a zorza vegana ou os diferentes tipos de cachopo poñen en común termos tan opostos como a tradición e a innovación, inspirándose no sabor da nosa cultura para facer posible unha alimentación para todos con proteínas vexetais. La Vanetta anunciou que está a punto de entrar co seu catálogo de produtos en grandes superficies de Galicia.
Dentro dos premios concedidos aos proxectos de cada modalidade, foi recoñecida a editorial galega de xogos de mesa Buscalume no apartado de Turismo, ocio e benestar. Esta cooperativa baseada en Ourense ten un catálogo dirixido a público familiar que se distribúe en toda España e México, e é responsábel da creación e comercialización do primeiro xogo do emprendemento en galego lanzado pola Xunta de Galicia nesta edición do encontro.
O espazo de arte Reclamo Estudio foi recoñecido como proxecto destacado no ámbito da Formación, educación, arte e cultura, pola súa proposta enfocada á realización de eventos culturais e á transformación social, a participación de artistas locais, estudantes de Belas Artes e novos talentos desde o seu espazo en Padrón.
Na área da Comunicación, deseño gráfico e eventos a organización premiou o proxecto da axencia creativa de mercadotecnia Moira, cunha proposta consciente enfocada a proxectos do rural.
A Asociación Clean Energy Ship da Universidade de Vigo destacou no ámbito das Enxeñarías cun equipo de 20 estudantes que lideran o primeiro proxecto español dunha embarcación solar con hidrofoils, o Boeiro I.
Na modalidade das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, o xurado decantouse pola solución de dixitalización presentada polo equipo de Krealt para desenvolver catálogos de produtos empregando tecnoloxías AR/3D para achegar unha experiencia de usuario pioneira e disruptiva.
En Deseño de moda, complementos e decoración recibiu o premio a marca Sembra Biojoyas, cun proxecto ecolóxico que colabora con etnias indíxenas do Amazonas na creación de complementos orgánicos, sostíbeis e biodegradábeis.
Por último, en Alimentación e restauración fíxose co premio Terras de Boborás, unha iniciativa rural que pon en valor a apicultura e o concello de Boborás a través dunha liña de alimentación, Dolce Bágoa e de Maruxiña, a Primeira Marca de Cosmética feita con mel de Galicia.
Pola súa banda, o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios, resultou vencedor do Pont-Up Venture. O avogado Abraham Tenoira lidera este novo emprendemento xerado ao abeiro da aceleradora de startups de Zona Franca, Vía Galicia, onde desenvolveu unha plataforma web que automatiza todo o proceso da reclamación da débeda, desde a creación do expediente por parte da persoa responsábel da administración da comunidade de veciños, ata o último escrito que ten que presentar un avogado. Aplicando esta informatización intelixente Cuotalis consegue eliminar o 90% do traballo que supoñen estes procedementos xurídicos entre comunidade, administradores, xulgados e avogados. O xurado da Pont-Up Venture decidiu recoñecer a Cuotalis polo “seu baixo risco de investimento e a alta escalabilidade do seu modelo de negocio”.