Ponte Nas Ondas! premiou as mellores contribucións fotográficas e sonoras ao patrimonio galego-portugués
venres, 14 de novembro do 2025
Este venres 14 de novembro o proxecto galego-portugués Ponte Nas Ondas! (PNO) entregou os premios da 8ª edición do Certame Imaxes do Patrimonio. O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, José López Campos, quen louvou “a capacidade de PNO! de poñer en valor os lazos identitarios, culturais e lingüísticos de Galicia e Portugal entre a mocidade” e de “incentivar o interese da xente moza polos vencellos que nos unen coa lusofonía”.
Pola súa banda, Santiago Veloso, presidente de PNO! destacou o compromiso continuo do profesorado coas actividades da asociación, unha paixón pola posta en valor transmisión do patrimonio inmaterial ao alumnado que se personalizou este venres en Guadalupe García Prieto, do IES Antonio Fraguas, docente que en datas vindeiras xubilarase e que leva participando no propio certame Imaxes do Patrimonio desde a súa creación.
O evento foi conducido por As Armandanzas, Montse Rivera e Mercedes Prieto, especialistas na música e danza tradicional, que combinaron o galego e o portugués durante todo o evento, aproveitando para introducir ao público asistente en danzas e músicas de Galicia e Portugal. A gala musical na que foron entregados os premios da oitava edición do Certame Imaxes do Patrimonio contou coa presenza do alumnado gañador e coincidindo coas vésperas da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial (efeméride que se celebra anualmente cada 16 de novembro).
A gala musical celebrouse no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e foi transmitida en directo a través da canle de YouTube e a web de PNO! e tamén en directo a través da Radio Piratona, que emite decote a súa programación desde o propio centro cultural.
Peneira de estampas en prol do patrimonio
O oficio artesán dun zapateiro de Barcelos, un grupo de mozas lavando a tripa para facer chourizos, a esfollada do millo nun alpendre entre cantigas, veciñanza axudándose no labrar dos eidos, unha máquina de café portátil percorrendo romarías dos anos 50 do século pasado, mozos portugueses saíndo a unha misión militar a Timor-Leste, a primeira viaxe á cidade da tataravoa Manuel en sidecar, recollida de algas para abono nun carro tradicional, a pesca do polbo hai setenta e cinco anos... Foron os temas tema dalgunhas das estampas que foron premiadas neste VIII certame de fotografía, en palabras de PNO! “unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias”.
O xurado integrárono nesta ocasión Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga, Verena Sevá Nogueira, antropóloga, Cristina Rocha Novoa, fotógrafa, e Fran Valcárcel, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, actuando como secretario con voz e sen voto.
As imaxes premiadas pódense visitar na web de PNO.
O obxectivo do concurso foi axudar ás novas xeracións a descubriren “a existencia do rico e variado patrimonio cultural común, propoñéndolles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
Fallo do xurado
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Daniel Filipe Alvelos Magalhães
Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Barcelos.
Título: A arte do sapateiro.
2º Premio: Vera Rivadulla Ocampo
CEIP Plurilingüe da Ramallosa. Teo.
Título: Cando o traballo era festa.
3º Premio: Julián Albores Fernández
CEP Carlos Casares – Alxén, Salvaterra de Miño
Título: A Esfollada
Accésit: Diego Mingotes López
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal, Vigo.
Título: Día da labranza, 1967
Accésit: Eva Vilas Comesaña
CEIP Atín Cela, Mos.
Título: Café nas romarías
Accésit: Débora Vilas Boas
Agrupamento de Escolas Vale do Tamel, Barcelos.
Título: A despedida
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Xiana Liñares Gontán
IES Xulián Magariños, Negreira.
Título: Unha viaxe inesquecible
2º Premio: Hugo Medela Rial
IES Carlos Casares, Vigo.
Título: Recollida de algas
3º Premio: Hugo Lago Noceda
IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela.
Título: Boa caldeirada
Accésit: Joana Vilar Conçalves Fernandes
Agrupamento de Escolas de Monção
Título: O casamento do meu tío-avo Carlos
Certame de podcast - Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
Premio: Elsa Sanjorge Pesqueira
CEIP Sequelo de Marín
Título: Ultramarinos dos Garrido nos 50
Accésit: Xabier Taberna Calvo
CEIP do Foxo, A Estrada.
Título: Vai de voda
Certame de podcast - Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
Premio: Jacobo Barreira Diz – CS Dual de Mecatrónica Industrial
CIFP Universidade Laboral de Culleredo.
Título: A avoa torneira
Accésit: Enma Dosil Caamaño
IES Virxe do Mar. Noia.
Título: Valores
Premio Especial do Xurado
O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas.
Escola Secundária Rodrigues de Freitas, Porto
O traballo 99 anos. 99 fotos.
Este pequeno documentario resúmese nun fragmento adaptado dun traballo de proxecto máis amplo, realizado no presente curso polas turmas de 9º de escolaridade da Escola Secundaria Rodrigues de Freitas (Porto) para conmemorar os 99 anos da profesora Raquel Soeiro de Brito e que aborda imaxes do patrimonio de todo o espazo lusófono. Pode verse íntegro en YouTube.
António Alexandre Correia Cardoso, profesor de Xeografía do Agrupamento de Escolas Rodrigues de Freitas (Porto), é o docente responsable deste proxecto incluído nas actividades da Mapoteca Rodrigues de Freitas.
IES Valadares, Vigo
A través de Onda Valadares, promoveu un proxecto implementado nas aulas polas profesoras Andrea de la Torre (Historia, 4º ESO) e María Luz Campos (Portugués/Galego, 3º ESO). Como parte deste traballo, a profesora Carmen Somoza (Matemáticas ESO/Bach) creou un programa de radio en iVoox, Un retrato de familia, e un espazo web especial onde se recolle todo o realizado. Pódese ver en liña.
IES Alexandre Bóveda, Vigo
Ao carón da Noca foi o proxecto escolar realizado no IES Alexandre Bóveda-Vigo, co profesor Kike Estévez á fronte. A web central da iniciativa incrementou o ano pasado o material recollido polo alumnado ás súas familias no curso 2021-2022, entre o que actualmente se poden consultar 92 tradicións orais (como contos, cantigas ou refráns) ou 87 imaxes anteriores ao ano 1970 cos seus textos e audios explicativos.
Ademais, ao abeiro do proxecto, desenvolveron moitas outras actividades, como a creación do Club de Regueifa do IES Alexandre Bóveda, que dinamizou actividades coma o Samaín, o Nadal, o Entroido ou a participación do IES nos Certames Provincial e Municipal de Regueifas (nos que quedou de 2º e 3ª Clasificado), ou a elaboración de máis de 20 podcasts durante o curso na emisora escolar, entre os que se atopa un para conmemorar o Día Internacional do Patrimonio ou dous traballos que foron galardoados co 1º premio, un no Certame de Podcasts do Vello dos Contos e outro no Certame anual para escolares Otero Pedraio… Todo este traballo pódese atopar na emisora O Son da Noca e mais na web Ao carón da Noca, elementos centrais do proxecto realizado polo IES Alexandre Bóveda no curso 2024-2025.
