Ponte Nas Ondas reivindicou o patrimonio mariñeiro nun RadioVisual en Muros

xoves, 30 de abril do 2026 S. P.

O Auditorio Municipal de Muros acolleu este xoves 30 de abril o segundo dos eventos do RadioVisual do Patrimonio, iniciativa de dinamización cultural de Ponte Nas Ondas (PNO) e Casa de Tolos que contou desta volta co protagonismo nesta ocasión do alumnado do IES Plurilingüe Fontexería (Muros) e a actuación en directo de Caamaño & Ameixeiras.
“Entre o chiar das gaivotas que debuxan círculos no ceo e o arrecendo a salitre que inunda as rúas, as conversas de Muros aínda gardan o eco de palabras antigas; palabras que saben a mar e a historia”. Así enfiaba o xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira, mestre de cerimonia este xoves 30 de abril, o inicio do RadioVisual do Patrimonio desde o Auditorio Municipal de Muros.
O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación de contido audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.
Na segunda das súas paradas esta primavera, o Radiovisual comezou coa animación musical do duo Caamaño & Ameixeiras, que armadas unicamente de violín, acordeón e voz fixeron gozar o público coa súa destreza na reinterpretación da música de raíz.
Pasou despois polos micrófonos a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, quen se enfrontou ao desafío das cuestións e a curiosidade do alumnado, que encheu toda unha caixa de preguntas para a que quedou curto o tempo de peneiralas todas.
Subiu despois ao escenario Vicente, Chente, “un home que leva o salitre marcado na pel e o horizonte gravado nos ollos”, muradán xubilado logo de cumprir o soño de ser patrón do seu propio barco, quen guiou a rapazada pola súa memoria mariñeira.
E na voz tamén do alumnado, escoitamos, a xeito teatralizado, todo un abano de vocabulario pouco coñecido: ghaldrupeiro, esbaghasado, cachimán, culimaia, sorromatrocos... Ao fío, a rapazada, acompañada da profesora María Xosé Lago, explicoulle a audiencia o proceso de recollida e peneira das palabras.
O traballo arredor das imaxes do patrimonio ocupou tamén espazo neste radiovisual, xa que o IES Fontexería leva desde a primeira edición do Certame de Imaxes do Patrimonio de PNO! moi comprometido na peneira de imaxes con historia que contan saberes.
A xornada puido seguirse en directo na rede a través da web do RadioVisual e da web da asociación Ponte... nas Ondas!, onde xa se pode ver tamén a gravación do evento.
Casa de Tolos é unha compañía do sector audiovisual especializada en produción musical con grande experiencia profesional no campo musical, con máis de 1.000 traballos musicais gravados e mesturados nos seus estudos en Gondomar (Pontevedra) por onde pasaron músicos e produtores de recoñecido prestixio nacional e internacional. Conta tamén con ampla experiencia na realización de numerosos contidos para distintas televisións e canles de video on demmand en plataformas de TV cabo e online.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…Nas Ondas!, leva máis de trinta anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués a través dos novos formatos (podcast). Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 PNO foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.