Ponte... nas ondas! co-organiza o 6º congreso sobre experiencias innovadoras arredor do patrimonio inmaterial

xoves, 2 de novembro do 2023 S. P.

O programa Ponte... nas ondas!, proxecto de irmandade cultural galego-portuguesa a través do formato podcast, quere estender o seu modelo de boas prácticas a máis centros e máis profesorado. Facer, en definitiva, máis comunidade arredor desta experiencia educativa que tende pontes a través do tecnolóxico. Por este motivo, co-organizará o 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación que, tal e como destacou Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, “traerá primeiras figuras do patrimonio mundial” a Ourense para a reflexión, o intercambio e o debate este próximo mes de novembro.
A Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense acollerá os días 16, 17 e 18 de novembro o evento, que ten por lema Ponte entre escola e sociedade. O encontro está organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo; polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense; por Ponte…nas Ondas! e pola Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), en colaboración con outras entidades, universidades e organizacións.
O portavoz de PNO!, Santiago Veloso, salientou que “esta vontade de mostrar as experiencias de integración do patrimonio inmaterial na escola terá un exemplo concreto coa presenza de case medio milleiro de rapaces e rapazas de centros da eurorrexión atendendo á entrega de premios do certame As imaxes do patrimonio convocado anualmente pola asociación”. E engadiu: “Desde a propia ilustración do cartel, simbolízase esa ponte entre a escola e a sociedade, que é o que vimos facendo humildemente desde PNO! desde hai anos, dinamizando, coa radio e as novas tecnoloxías, o patrimonio inmaterial desde a comunidade educativa, e integrando ese patrimonio no interior das aulas”.
PNO! como motor e axente dinamizador do Congreso
A presentación do Congreso, que acollerá o Campus de Ourense os días 16, 17 e 18 de novembro, realizouse esta semana no Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense. A conferencia de prensa abriu coa intervención do vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, quen destacou o papel de PNO! como “o motor e axente dinamizador do Congreso”.
Seguidamente, a directora xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, recordou a recente inscrición, en decembro de 2022, de PNO! no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. Un recoñecemento “a moitos anos traballando en prol do patrimonio inmaterial e establecendo un vínculo de coñecemento e transmisión do patrimonio inmaterial nas dúas marxes da fronteira a través dos centros educativos, implicando a familias, alumnado, profesorado e moita xente, para preservar e conservar o patrimonio cultural que nos une a ambos os dous lados”, dixo a representante da Xunta.
Pola súa banda, o decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid, destacou “a fonte inesgotable de Patrimonio Cultural Inmaterial que ten Ourense coa raia portuguesa”. E engadiu: “Estes congresos intentan poñer en valor a capacidade da sociedade de crear e manter esa cultura, e transmitila, onde é clave o traballo de PNO!, movendo ese traballo ás xeracións máis novas”.
E en representación da outra institución co-organizadora, a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro, o profesor Xerardo Pereiro, falou da perspectiva multidisciplinar deste congreso, que, indicou “vai ter un impacto na sociedade, con oradores de primeiro nivel, cun impacto académico”, e tamén servirá para “para involucrar e incluír, formal e informalmente o modelo de PNO! e a importancia da relación do patrimonio cultural inmaterial e a educación, é dicir, formar os nosos futuros docentes, que son áncora da sociedade, figuras importantísimas para o futuro da nosa sociedade no ámbito do patrimonio inmaterial galego-portugués, tamén nunha perspectiva multicultural”.
Xerardo Pereiro avanzou que o Congreso servirá de encontro para a creación dunha rede de experiencias no ámbito do Patrimonio Cultural Inmaterial á que están convidadas case un cento de entidades (museos, asociacións, etc) dos concellos da “raia”, co obxectivo de que “a xente se coñeza, intercambien experiencias, se realicen formacións e, en definitiva, sexa útil para a sociedade”. Lembrou tamén que se presentará o avanzado proxecto de creación dun Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial na alfándega de Valença do Minho.
Podemos consultar a información e o programa do congreso na web de PNO.