Ponteareas achega a mocidade á creación de blogs

mércores, 13 de setembro do 2017 Redacción

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Mocidade que dirixe Verónica Carrera, vén de anunciar a organización dun curso de creación de blogs os días 18, 19, 25 e 26 de setembro. O horario será de 16:00 a 18:30 horas e o lugar onde se impartirán as clases será a sala multiusos da Biblioteca Municipal. No obradoiro trataranse diversos aspectos que introducirán ao alumnado no concepto de blogs (bitácoras en liña persoais onde se achegan contidos actualizados e comentados polos lectores do caderno dixital) e nas súas características.
Tamén se abordarán no obradoiro os diferentes tipos de plataformas para crear un caderno dixital destas características e o manexo nas plataformas de mantemento de bitácoras, Blogger e WordPress. Igualmente, afondarase nas principais características e diferencias das plataformas así como na inclusión de vídeos, imaxes, presentacións e diversos arquivos. As/Os interesadas/os poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada na Rúa A Perillana 9/11 ou ben chamando ao 672105468.

PUBLICIDADE