Ponteareas aposta polos terminais lixeiros de baixo consumo para axilizar a administración

xoves, 13 de decembro do 2018 Redacción

O Concello de Ponteareas anunciou onte novidades relativas ao seu equipamento informático, que incluirá terminais lixeiros de baixo consumo para axilizar o traballo municipal. As novidades foron dadas a coñecer polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, que tamén informou de que se vén de completar a renovación do Centro de Procesamento de Datos municipal (CPD) do Concello, unha actuación cuxo custo total é de 251.000 euros e que se dirixe a mellorar os sistemas de almacenamento e xestión da información do consistorio (dando cumprimento á lei 39/2015 de procedemento administrativo)”.
Segundo fixo saber o edil, “este segundo centro de procesamento pon fin á precariedade informática herdada de moitos anos atrás con equipamentos obsoletos e con procesamentos de información que non cumprían a legalidade”. Co novo recurso de xestión, engadiu, os datos municipais “gardaranse en dous lugares, na propia casa consistorial e no centro social, onde se atopan os servidores de respaldo”. Benito Márquez sinalou que “a partires de agora vanse xerar dúas copias de seguridade de tódolos documentos e, ademais, o Concello contará con máis capacidade de almacenamento de arquivos e correos”.
En termos máis concretos, fixo saber que o proceso de renovación atinxiu tamén aos computadores, o que se implicou que se desbotasen os PC físicos e se apostase por terminais lixeiros que permiten un aforro enerxético do 95% e que conectan directamente co centro de procesamento. A Concellería de Novas Tecnoloxías adquirirá cen terminais lixeiros que esixirán un menor gasto de mantemento e de enerxía: só 0,04 vatios, o 5% do que precisa un PC convencional. Por outra banda, o software dos novos terminais permite xestionar e actualizar os escritorios “de xeito centralizado”, reducindo o tempo e os custes de administración, mantemento e operación. O concelleiro tamén salientou a inclusión de escritorios virtualizados Citrix, que engaden un extra de seguridade e de mobilidade ás persoas usuarias: “Cos anteriores equipos informáticos era difícil poder eliminar o risco de perda, manipulación ou roubo da información almacenada localmente; a nova plataforma ofrece unha protección completa dos datos xa que residen en dous centros de procesamentos”.

PUBLICIDADE