Ponteareas avalía casos de éxito de tecnoloxías que melloren a xestión municipal

venres, 20 de xullo do 2018 Redacción

O Concello de Ponteareas quere seguir avanzando na súa estratexia dixital e intelixente, no camiño dunha Administración local mellor xestionada, máis eficiente e máis sustentábel. Co fin de que este avance sexa o máis inmediato e completo posíbel, o concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ponteareas, Benito Márquez, acompañado de técnicos do Departamento de Informática do Concello pontevedrés, están a estudar diversos casos de éxito na aplicación de novas tecnoloxías á xestión municipal.
Sen ir máis lonxe, estiveron en Madrid visitando as dependencias dunha das firmas provedoras de solucións de Cidades Intelixentes máis significativa e referencial do eido estatal. A estadía responde ao reto de atopar tecnoloxías para mellorar os servizos da cidadanía de Ponteareas.
Con este obxectivo, a delegación ponteareá coñeceu os casos de éxito aplicados noutros concellos e interesouse por proxectos de aparcamento intelixente que permiten a redución do CO2, a xestión de pechaduras por centros (coa que se podería programar os horarios de apertura e peche dos edificios municipais e regular e controlar as entradas e saídas dos usuarios e usuarias); a maximización da xestión do alumeado público ou o control de fluxo das persoas para coñecer os puntos máis transitados. Tamén afondaron no eido da construción intelixente (Smart Building), centrada no aforro enerxético e na optimización do consumo por zonas e andares.
Asemade, o equipo do Concello de Ponteareas interesouse pola vangarda tecnolóxica en sensórica, achegándose aos avaliadores de niveis de CO2, medidores de caudal dos ríos, contaminación das augas e sistemas que permitan saber a capacidade dos contedores do lixo para optimizar os tempos e as rutas de recollida.

PUBLICIDADE