Ponteareas chama á participación da mocidade na súa páxina web municipal

martes, 11 de agosto do 2020 Redacción

A alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas, Cristina F. Davila, convida a toda a infancia e mocidade a sacarlle o máximo partido ao novo espazo creado para eles na páxina web municipal co obxectivo de facilitarlles a súa participación. Dende a creación do consello municipal de infancia e adolescencia, os nenos, nenas e adolescentes representantes dos distintos centros escolares teñen a oportunidade de expoñer directamente ao goberno municipal a súa opinión sobre aqueles aspectos que máis lle preocupan, así como de achegar as propostas de solución que consideran máis oportunas en cada caso.
Agora dáse un paso máis coa creación dun espazo específico para a infancia e a adolescencia na páxina web municipal. Coa intención de seguir avanzando na consecución dun concello máis amigable coas persoas e no que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan participar con normalidade das decisións importantes que lles afecten, o Concello de Ponteareas habilitou este espazo con información sobre a súa candidatura ao recoñecemento de Unicef como cidade amiga da infancia, que inclúe unha enquisa para coñecer o seu parecer sobre as actividades e recursos cos que conta o concello para persoas da súa idade ou sobre as características da localidade na que residen
Esta enquisa estará dispoñible durante todo o mes de agosto para que poida ser cumprimentada directamente por todos os cativos e adolescentes do concello que o desexen.

PUBLICIDADE