Ponteareas e a UVigo xuntan forzas a prol da innovación e o eido smart

venres, 19 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Ponteareas e a Universidade de Vigo asinaron este 19 de xaneiro un convenio de colaboración destinado a promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando "unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade". O acordo foi rubricado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas. Segundo fixeron saber, grazas ao convenio as dúas entidades comprométense a traballar conxuntamente a prol da investigación e a innovación e a organizar, ombro con ombro, actividades académicas como cursos, simposios ou seminarios. Asemade, impulsarán o proxecto local de Cidade Intelixente (Smart City).
Para o alcalde de Ponteareas este convenio de colaboración, que ten unha duración de catro anos, é "o primeiro paso para unha longa relación na que todos os esforzos irán destinados a apoiar ás mentes máis inquedas que queiran abrir novos eidos na investigación".
Ao abeiro do programa local Ponteareas, Hábitat Saudable e seguindo as liñas deste convenio asinado hoxe tamén se contempla a posta en marcha dun centro de dinamización da innovación e emprendemento (viveiro de empresas) e a definición da plataforma Smart City na que se implantará o control dos servizos como o da calidade da auga, contaminación acústica e tráfico, entre outros servizos, dos que se irá dando conta en datas vindeiras e a medida que se vaia dando novos achados.
Na xuntanza, o rexedor propuxo a posta en marcha dunha mesa de traballo para "concretar o deseño deste centro de dinamización que mellor se adapte ás necesidades de Ponteareas". Para este proxecto a Universidade aportaría a súa experiencia e coñecemento técnico e cientítico. A idea é que amais de ser un espazo innovador, tamén sexa práctico para toda a cidadanía de Ponteareas e da comarca e mesmo para a Universidade.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo adiantou a necesidade de estreitar esta relación pola proximidade e polo obxectivos comúns e puxo enriba da mesa a definición dun plan de accións anual e "a importancia de trasladar as capacidades dos Campus á cidadanía con proxectos máis próximos e visíbeis que xeren dinámicas de entendemento".

PUBLICIDADE