Ponteareas empregará 251.000 euros en renovar o seu Centro de Procesamento de Datos

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

A Concellería de Novas Tecnoloxías de Ponteareas vén de anunciar a vindeira renovación do seu Centro de Procesamento de Datos (CPD), unha actuación que terá un custo total de 251.000 euros e que, en palabras do edil Benito Márquez, encamíñase a “mellorar os sistemas de almacenamento e xestión da información do consistorio e dar cumprimento á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo”. A iniciativa, máis en detalle, abrangue a creación dun segundo CPD, polo que será posíbel gardar a información municipal en dous acubillos, un na casa consistorial e outro no centro social, onde estará emprazados os servidores de respaldo. A idea é incrementar a seguridade e imposibilitar a perda de datos, a través do duplicado de todos os documentos, ao tempo que se incrementa a capacidade de almacenamento de arquivos e correos.
Segundo engadiu o concelleiro de Novas Tecnoloxías, as medidas queren emendar unha eiva herdada do anterior equipo de Goberno: “A situación era nefasta, o CPD era tan obsoleto cando chegamos que para que non se sobrequecese tiña as 24 horas do día, toda a semana, numerosos ventiladores normais funcionando”. Do mesmo xeito, engadiu, “non existía ata o de agora ningún centro de datos de respaldo, como marca a lei, o que implica que se por algún motivo ardese o consistorio, non habería copias de seguridade de tódolos datos e información, como pode ser algo tan importante como o padrón municipal, e que sería un auténtico problema”.
Márquez tamén explicou que a renovación das infraestruturas informáticas municipais suporá tamén “un cambio no traballo diario” e unha actualización de todas as licenzas dos programas. “Cando chegamos, no 2015, o 90 % das licencias de informática estaban caducadas ou directamente eran programas pirateados; logo, fomos renovando de maneira paulatina todas estas licencias e mercando outras, para cumprir coa legalidade”, indicou, engadindo que, de xeito complementario a todo o devandito, a Concellería de Novas Tecnoloxías está a realizar unha adaptación dalgúns regulamentos como o do Esquema Nacional de Seguridade e do RGPD (Regulamento General de Prestación de Datos) que entrará en vigor o 25 de maio do 2018. Esta mellora tamén suporá a mellora dos equipos informáticos municipais, que pasarán dos PC físicos aos equipos que se denominan “terminais lixeiros”.

PUBLICIDADE