Ponteareas organiza unha charla para nais e pais sobre novas adicións

martes, 13 de marzo do 2018 Redacción

O Concello de Ponteareas quere traballar a prol da formación e a divulgación en materia de uso das TIC entre os menores, poñendo en foco na capacitación das nais, pais e profesorado. Nesta liña insírese a charla Sexo, drogas e moitas apps, que organiza a Concellería de Ensino que dirixe a nacionalista Cristina Fernández.
A charla, dirixida sobre todo a nais e pais, desenvolverase esta cuarta feira (mércores 14) ás 19:00 horas na sala multiusos do auditorio municipal. A médico de familia Raquel Plana e o enfermeiro Nemesio Boente, ámbolos dous profesionais do Centro de Saúde de Ponteareas, falarán de dependencias, incluídos os hábitos negativos ligados ao uso das novas tecnoloxías da información (móbiles, redes sociais, aplicacións, etc). Tamén se falará de prevención de doenzas de transmisión sexual e da sexualidade na adolescencia.
A Concellería informa de que para facilitar a participación de todas as familias, ofrécese servizo de gardería na entrada principal do auditorio.

PUBLICIDADE