Ponteareas presenta o seu primeiro catálogo online de servizos municipais

venres, 26 de xuño do 2020 Sonia Pena

A Concellaría de Bo Goberno e Transparencia de Ponteareas presentou este venres 26 o que sería o primeiro catálogo online de servizos públicos do Concello pontevedrés, un servizo dispoñíbel xa na web municipal e que é de utilidade para, entre outras cousas, recadar información completa de todos os servizos municipais.
Segundo fixo saber o Concello, a procura da información pódese facer a través dun índice de áreas nas que se despregan os servizos de cada unha delas, ou a través dun buscador onde se poden inserir unha ou varias palabras de busca.
Na presentación do catálogo online, o concelleiro Roberto Mera explicou que o catálogo é “unha ferramenta fundamental para a cidadanía que agora poderá saber a onde dirixir as súas consultas ou solicitudes, pero tamén terá unha grande utilidade no funcionamento interno do Concello, ao facilitar ao conxunto de oficinas municipais e do persoal información precisa e actualizada sobre a prestación de servizos municipais”.
Mera exemplificou a utilidade do servizo explicando que “a información sobre os servizos é moi detallada e extensa o que permite atopar a información co uso de numerosas palabras clave”. A xeito de consulta concreta, sinalou que inserindo verbas como “terrazas”, “cemiterio”, “desbroces” ou “alumeado”, a cidadanía atopará en poucos segundos a información completa sobre o servizo municipal que tramita esas cuestións, o edificio ou instalación onde se atopa a súa oficina, o seu horario, o seu teléfono ou o seu enderezo electrónico.
O concelleiro pide a colaboración cidadá para mellorar o catálogo e que calquera incidencia, erro ou suxestión para melloralo se remita ao correo participacioncidada@ponteareas.gal.

PUBLICIDADE