Ponteareas recunca en Hands of Science, referente en ciencia e tecnoloxía

xoves, 12 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Unha mostra de investigación para a rapazada desenvolvida no centro de Ponteareas

Ponteareas vai seguir movéndose entre os principais referentes do ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) da actualidade. E farao coa súa participación no evento Hands of Science, onde concorrerá por segundo ano consecutivo e onde terá parte activa en tres relatorios científicos. Máis polo miúdo, a embaixada ponteareá no Hands Of Science de Barcelona (do 16 ao 20 de xullo) estará formada por tres estudantes locais (Aida Rodríguez, Ana Nogueira e Ana Presa), dous profesores e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández. En palabras do Concello, a presenza do concello pontevedrés no dito evento “coloca o nome da nosa cidade nun dos congresos científicos internacionais de máis prestixio”.
Para quen non o saiba, Hands os Science promove o achegamento á ciencia a través da aprendizaxe activa na que todas as teorías poidan ser postas en práctica para coñecer a utilidade dos métodos científicos. Acollerá unha serie de presentacións, conferencias, e exposicións nas que os participantes poidan intercambiar experiencias, problemáticas no ensino, boas prácticas e todas aquelas cuestións relacionadas coa Ensinanza das Ciencias.
No evento farán acto de presenza comitivas de países como Croacia, Francia, Italia, Xapón, Polonia, Portugal ou Romanía.
HSCI´2018 Conference abranguerá toda a variedade de temáticas relacionadas co Ensino das Ciencias: novas tecnoloxías da información, robótica, química, física, tecnoloxía, botánica, arqueoloxía, matemáticas, ciencias da saúde, psicoloxía, socioloxía, bioloxía, xeografía, arquitectura, zooloxía…
Os relatorios versarán sobre os novos retos da ciencia, a innovación científica, o papel da ciencia no ensino e na sociedade, métodos de ensino da ciencia, o acceso da muller á ciencia, a ética na investigación científica…
Cristina Fernández salienta a necesidade de seguir achegando o importante papel do coñecemento avanzado e a investigación á sociedade para “pór en valor as súas aplicacións, para concienciar da importancia da investigación en todos os eidos e, sobre todo, para que a comunidade educativa traspase a barreira e vexa esta materia como algo máis accesíbel, menos duro e máis práctico”.

PUBLICIDADE