Ponteareas retransmite os seus plenos en directo a través de Facebook Live

venres, 24 de marzo do 2017 Redacción

O concelleiro de Ponteareas, Benito Márquez

Ponteareas comezou o ano apostando de cheo polas redes sociais e as novas tecnoloxías en xeral. Por unha banda, puxo en marcha o proceso para subirse ao carro da Administración Electrónica. Pola outra, anunciou en xaneiro a súa vontade de retransmitir os plenos en directo a través dos servizos de comunidades dixitais, máis polo miúdo a través de plataformas como YouTube e Periscope. Agora, o Concello de Ponteareas volve ampliar a súa arela de traballar e comunicarse dixitalmente apostando por retransmitir, tamén, os plenos en directo a través de Facebook Live. Para isto tirarase proveito da infraestrutura xa habilitada previamente (cámaras de alta definición robotizadas para o seguimento dos intervenientes, optimizacións importantes no sistema de intervención e audio). Segundo informan fontes do Concello, a retransmisión en Facebook Live estreouse na sesión de goberno deste 21 de marzo.
Para Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías, non hai dúbida sobre a importancia deste novo fito a prol da transparencia e a participación. “Facebook”, sinala, “é unha das redes sociais máis utilizadas pola cidadanía e, por tanto, consideramos conveniente que os plenos se retransmitan directamente a través desta plataforma”. Na súa opinión, “a política debe abrirse á cidadanía e esta é unha boa maneira de que a veciñanza poida ver aos seus representantes políticos e as súas explicacións”.
O edil de Novas Tecnoloxías sinalou tamén que “o Concello debe ir parello á sociedade e modernizarse, e deixar de ser unha Administración arcaica non adaptada aos tempos”. E engade: “Cada día máis xente accede decote ao Facebook, e consideramos preciso, por tanto, que o Concello estea presente nesta plataforma e que aquel que o desexe poida ver o pleno en directo, aínda que non poida acudir ao consistorio por estar enfermo ou por estudar fóra, por exemplo”.

PUBLICIDADE