Ponteceso e a Festiciencia celebrarán coa rapazada o Día da Internet

martes, 17 de abril do 2018 Redacción

Ponteceso (a aldea do Couto) vai ser os días vindeiros o principal lugar de encontro da nova comunidade científica e desenvolvedora galega, a formada polas rapazas e rapaces que queren cambiar o mundo para mellor e saben que a clave está no traballo colaborativo, no impulso do talento de cada quen e na confluencia de todo isto coas novas tecnoloxías. A cita será o 17 de maio, que amais de ser o Día das Letras Galegas tamén é o Día de Internet e da Sociedade da Información, unha significativa coincidencia de festividades que sempre nos gusta salientar polas implicacións que achega. Na organización dos actos da Festiciencia 2018 está a Fundación Pondal, que, co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), prepara unha completa axenda de actividades de divulgación (con ducias de adolescentes mostrando os seus enxeños científicos e tecnolóxicas) que complementan as Festiletras.
Na xornada do 17, entre outras cousas, traballarase arredor da divulgación científica e o desenvolvemento de novas tecnoloxías. O programa provisional inclúe xa unha gravación do programa de radio Efervescencia, unha xeira de traballo colectivo sobre ciencia cidadá, un xeocoaching tecnolóxico, unha sesión de observación de estrelas e máis unha xincana nocturna na que os participantes buscarán elementos da táboa periódica ocultos en diferentes recantos da aldea.
Na xornada do 18 habilitarase unha carpa para dar acubillo aos proxectos dos escolares. A feira terá horario de mañá e de tarde e ficará aberta para público escolar e familiar. Rematará, ao fío das 19.00 horas, coa entrega de premios ás mellores propostas.
Amais de todo o devandito, haberá obradoiros para a rapazada, experimentos científicos, xeiras de programación de robots LEGO e un taller de investigación CSI. Igualmente, está previstas excursións guiadas á praia de Balarés, un café científico e espectáculos variados.
En Festiciencia, amais da Fundación Pondal, a FECYT e os concellos locais, o CSIC, a Deputación da Coruña e a empresa Ceo Aberto.

PUBLICIDADE