Pontevedra achéganos catro playlists para coñecer a historia das mulleres de cidade
martes, 24 de xaneiro do 2023
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría
de Memoria Histórica, ampliou co inicio do novo ano os horizontes
tecnolóxicos do programa A Memoria das Mulleres, co obxectivo
de “seguir afondando na visibilización do pasado e o presente
feminino”. Fíxoo actualizando e completando, na web
dogrisaovioleta.gal, a
información de catro roteiros urbanos en formado playlist
centrados na historia das mulleres de Pontevedra. Estes
paseos veñen de ser postos a punto con novos mapas e versión de
texto e audio, facilitando así o acceso a todo tipo de públicos.
Ademais, estes audios tamén se atopan dispoñiíbeis en versión
podcast a través das plataformas iVoox e Soundcloud.
O concelleiro Xaquín Moreda explicou que se trata
dun xeito alternativo e enriquecedor de “coñecer a cidade ao tempo
que se camiña por ela”. Tamén indicou que “se ben os roteiros
contan con información escrita, e tamén existe un mapa físico que
axuda a saber onde están os principais puntos de interese en
relación co programa da Memoria das Mulleres, tamén é
posíbel facer uso destes audios para vivir outra experiencia máis
cómoda ou particular, ao tempo que aumenta a accesibilidade”.
Os catro roteiros son os seguintes:
-
Roteiro
sobre as mulleres represaliadas de Pontevedra (deseñado
por Montse Fajardo)
-
Roteiro
Mulleres en San Amaro. Percorrido feminino polo Cemiterio
Municipal(deseñado
por Etnoga)
-
Roteiro
Pontevedra en feminino
(deseñado por María Xesús López Escudeiro)
-
Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres
(deseñado por Etnoga)
Desde a concellería de Memoria histórica lembran
que este formato audio tamén pode “resultar útil” para ser
engadido ou utilizado nos centros educativos da cidade, como
ferramenta de divulgación entre a rapazada para unha dinamización
das clases, entrando dentro das progamacións didácticas. É posíbel
consultar toda a información completa de cada roteiro na
devandita web dogrisaovioleta.gal..
Nado no ano 2013, da man do Concello de
Pontevedra, o proxecto A Memoria das
Mulleres ten como finalidade “construír, de
modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e
audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra”.