Pontevedra acollerá na súa Casa Azul a 5ª edición da HobbyPont Global Game Jam
mércores, 22 de xaneiro do 2025
Crear videoxogos e facelo de xeito simultáneo en diferentes partes do mundo é o que está detrás da cita que a Casa Azul de Pontevedra acollerá entre este venres 24 de xaneiro e que se estenderá toda a fin de semana, rematando o domingo 26. Trátase da 5ª edición da HobbyPont Global Game Jam, un encontro que reunirá a entusiastas e profesionais de toda Galicia para crear videoxogos.
De balde e encamiñado a persoas maiores de idade e con calquera nivel de experiencia, a convocatoria xa está aberta no sitio web habilitado. Desenvolvedores, ilustradores, guionistas, músicos e outros creativos e creativas, terán a oportunidade de unirse ao movemento da Global Game Jam, no que participan miles de persoas de maneira simultánea desde todas partes do mundo.
A cita comezará o venres 24 de xaneiro ás 15 horas, cando se revelará o tema desta edición. Desde ese intre, as persoas participantes disporán de 48 horas para traballar en equipo e converter as súas ideas en videoxogos completos. O evento concluirá o domingo 26 ás 17 horas, coa presentación das obras creadas.
Segundo Evelio Sánchez, membro da organización do evento: “cremos que no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto no eido do lecer como en posíbeis alternativas laborais”. Esta iniciativa procura fomentar a creatividade, o traballo colaborativo e a innovación, salientando o potencial do sector dos videoxogos como motor económico e cultural.
Engadir que a HobbyPont Global Game Jam o quere promover a colaboración entre disciplinas tan diversas como a programación, o deseño gráfico, a música e a narrativa.