Pontevedra activa un programa para apoderar dixitalmente o comercio local e a cidadanía: PontIA

xoves, 18 de xuño do 2026 S. P.

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, e as expertas Mariem Filgueira e Judit Meiriño presentaron esta semana os detalles do proxecto PontIA, unha iniciativa estratéxica encamiñada apoderar dixitalmente o tecido empresarial e a cidadanía.
Baixo o lema Intelixencia que protexe. Tecnoloxía que impulsa, o programa busca achegar as novas tecnoloxías aos pequenos negocios da cidade, garantindo a súa competitividade e protección fronte a ameazas na rede.
A edil explicou que PontIA nace para tender pontes entre o tecido produtivo local e tecnoloxías disruptivas e avanzadas como a intelixencia artificial, e favorecendo usos seguros, conscientes e enriquecedores.
A edil sinalou que “os pequenos negocios decote carecen de coñecemento, tempo ou recursos para aplicar estas ferramentas de xeito seguro, algo que as grandes multinacionais xa teñen por defecto”. Por iso, dixo, o Concello impulsou este "programa a medida" para o pequeno comercio local.
Pola súa banda, as expertas que lideran o proxecto, Mariem Filgueira (Sherpa Empresarial) e Judit Meiriño (Datadefend Solutions), incidiron “na importancia de perderlle o medo á tecnoloxía aplicando o pensamento crítico”.
Filgueira dixo que a IA e a ciberseguridade “deixaron de ser unha moda para ser unha necesidade, advertindo da “importancia de non introducir información sensible nin datos persoais ou de facturación nestas plataformas”.
Meiriño sinalou que o obxectivo de PontIA é dotar de "salvavidas" aos negocios fronte á dixitalización.
Engadiron que PontIA vén con varios eixes de acción: difusión e charlas informativas, os Encontros PontIA (sesións de traballo e intercambio de experiencias, estando a primeira fixada para o xoves 25 de xuño na sede de AEMPE e a segunda o xoves 2 de xullo da man da Asociación de Comerciantes da Parda no local do Centro Leste) e un programa de impulso personalizado para 10 negocios (que recibirán unha diagnose tecnolóxica individualizada, axuda para a aplicación da intelixencia artificial en casos reais e un plan de acción de seguridade a medida).
O prazo para que os negocios se inscriban e poidan optar a unha destas 10 prazas de impulso personalizado estará aberto ata o luns 6 de xullo. Toda a información e o formulario de inscrición xa se atopan dispoñibles na páxina web oficial do proxecto. Ademais, habilitouse o correo electrónico comunicación@pontia.gal para resolver calquera dúbida.