Pontevedra adapta a súa web ás necesidades informativas actuais da cidadanía
martes, 17 de decembro do 2024
O Concello de Pontevedra puxo en marcha unha nova páxina web ao servizo da cidadanía e das necesidades de toda a veciñanza. Trátase, explicaron fontes do Concello, dunha “ferramenta máis accesíbel e moderna, que se adapta mellor ás necesidades informativas actuais da sociedade”.
As guías da nova web foron “a nova imaxe corporativa, o pleno funcionamento da sede electrónica municipal, a posta en marcha dos fondos europeos e a necesidade de crear pezas máis visuais, intuitivas e atractivas para o usuario”, explicou o Concello, engadindo que á páxina é posíbel achegar contidos de xeito máis rápido, “xa que ten unha organización máis clara e estruturada”.
Ademais, o Goberno local salienta que “a nova web está totalmente adaptada á nova imaxe corporativa municipal estreada hai un par de anos, onde priman as cores azul, area e branco... de feito empregáronse símbolos da imaxe corporativa na parte inferior, destacando algúns elementos importantes da cidade, como a Igrexa da Peregrina, a Ponte do Burgo ou o Mercado”.
Ademais, fíxose unha reestruturación atendendo ao pleno funcionamento da sede electrónica, que obrigou a retirar campos e áreas que xa estaban xestionadas directamente pola eAdministración municipal. En troques disto, creouse a pestana Trámites para que a cidadanía saiba onde ten que dirixirse para xestionar directamente co Concello.
Dende o Executivo local explicaron tamén que “as esixencias da concesión dos fondos europeos esixía unha estruturación da información das distintas liñas subvencionábeis e amosalas claramente na web tal e como recomendan as administracións xestoras dos fondos; todo iso facía obrigado un cambio de imaxe que deu como resultado unha nova web que mellora a experiencia do usuario grazas á navegación máis intuitiva, contidos máis accesíbeis e unha distribución distinta das áreas, adaptada á actual distribución das áreas de goberno”.
A páxina activouse o pasado 28 de outubro e atópase en fase de probas e, por ese motivo, habilitouse un formulario de fácil acceso Suxestións nova web desde o que a cidadanía pode indicar que contidos bota en falta, que se pode mellorar da nova web, se hai algún apartado que non atope ou calquera inquedanza relacionada con este redeseño.