Pontevedra celebra o Día da Muller e a Nena na Ciencia co evento A Foto 51

martes, 24 de xaneiro do 2023 S. P.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, presentou a semana pasada os detalles dunha nova cita local divulgativa, científico-tecnolóxica, que se achega baixo o epígrafe A Foto 51 e cuxa celebración está prevista para os días 10 e 11 de febreiro en diferentes localizacións da cidade, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (día 11).
O Concello procura con este programa “ofrecer unha nova mirada sobre a ciencia, partindo de bases actuais e necesarias, como a perspectiva de xénero”. Búscase, polo tanto, achegar unha ollada igualitaria e libre de prexuízos e patróns negativos, como o desigual reparto de poder e responsabilidade ou a persecución das mulleres ao longo da historia, poñendo o foco na “brutal fenda que existe hoxe entre a carreira profesional dun home nos planos científicos e tecnolóxicos e as carreiras profesionais dunha muller nos mesmos ámbitos”.
O evento
O día 10, ás 11 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira actividade coa conferencia da matemática María Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022, que tratará cuestións da súa área científica mais vinculados coa perspectiva de xénero.
Xa o sábado 11 de febreiro, a axenda “tornarase máis intensa”, explicou a concelleira, engadindo que a xornada terá como base un encontro divulgativo con até 13 relatores, que ofrecerán charlas de dez minutos ao longo da mañá e da tarde. “Queremos facer o contrario do que acontece en moitos encontros científicos: aquí máis do 90 % serán mulleres as que falen, xunto cun 10 % de homes. Queremos que sexa representada a presenza real das mulleres na ciencia”, explicou a edil.
As intervencións do sábado son as seguintes:
11.00h – Presentación do evento
11.15h – Iria Veiga – O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas
11.25h – Paula Otero – Previr o cancro a golpe de xeringa
11.35h – Concurso Nanocharlas (charlas de moi poucos minutos onde a xente pode probar a divulgar, iniciarse neste mundo, tentar explicar ciencia nun formato pequeno)
12.00h – Descanso
12.20h – Elena Vázquez – Números máxicos
12.30h – Laura Veiga – Máis diversidade, mellores resultados
12.40h – Sandra Román – A cultura anti-dieta
12.50h – Olalla López – Historia das mulleres dos mortos
Esta primeira sesión de mañá tamén contará cun obradoiro para a cativada, para crianzas de entre 7 e 12 anos.
17.00h – Xurxo Mariño – O dilema obstétrico
17.10h – Joana Magallaes – Tecedeiras de duplas hélices
17.20h – Eva Cabanelas – Aos gatos nin tocalos
17.30h – Descanso
17.50h – África González – Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas
18.00h – Estíbaliz Espinosa – Cosmos en perspectiva e poema
18.10h – Tamara Pazos – A perversión do benestar
18.20h – Premio concurso Nanocharlas
18.30 – Espectáculo co Piano-Bar Periódico Elemental
Doutra banda, tamén está prevista a realización de varios roteiros científicos, para os días 11, 12, 25 e 26 de febreiro, e que precisan de inscrición e reserva de praza en Apúntate.
Segundo explicou a concelleira acerca do epígrafe do evento, a foto 51 (que dá nome ao evento) é o apelativo informal que se lle deu a unha imaxe de difracción de raios X do ADN froito do traballo realizado por Rosalind Franklin ao longo da súa investigación no King’s College de Londres. Esta foto foi unha proba fundamenta para identificar a estrutura do ADN.

PUBLICIDADE