Pontevedra convoca os seus segundos premios de investigación e tecnoloxías Pontenciencia

venres, 8 de marzo do 2019 Redacción

Este 7 de marzo presentáronse en Pontevedra os segundos Premios de Investigación-2019 Pontenciencia Homenaxe á muller investigadora, dirixidos ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional do concello. Estes recoñecementos foron dados a coñecer pola concelleira de Educación, Carme Fouces, que dixo que son “o espazo reservado ao ensino de Secundaria de Pontenciencia”.
A Feira da Miniciencia-Pontenciencia terá lugar na Escola de Enxeñería Forestal do campus da Xunqueira, os días 31 de maio e 1 de xuño e neste marco entregaranse os galardóns. Será en toda regra un encontro para o espírito maker, a ciencia e tecnoloxía colaborativa e todo aquilo que ten relación con estimular o talento investigador e creativo da rapazada.
Pontenciencia, sinalouse, é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento científico e investigador e nel van da man o Concello, a Universidade, a FANPA e, colaborando cos premios, varias empresas pioneiras e na vangarda de Pontevedra: Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga e Viaqua.
Na presentación dos premios Pontenciencia tamén participou o alcalde Miguel Fernández Lores, que estivo acompañado polo vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a concelleira de Educación, Carme Fouces; a coordinadora do xurado dos premios, Purificación Marcet e representantes de varias das empresas colaboradoras.
Segundo engadiron, os recoñecementos teñen como obxectivo promover a participación das mozas e mozos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos públicos ou concertados de Pontevedra e mostrar o traballo de investigación e desenvolvemento que se fai nas empresas. A investigación é de temática libre seguindo o método científico (tecnoloxía, ciencia, arte, videoxogos, redes sociais, fotografía,…) ou realizando un proxecto tecnolóxico (prototipo, maker, invento…).
A inscrición está aberta até o 3 de maio. A presentación oral das investigacións para optar aos Premios de investigación 2019 Homenaxe á muller investigadora realizarase durante a celebración de Pontenciencia: 31 de maio e 1 de xuño. Toda a información está en educacion.pontevedra.gal/pontenciencia e no Facebook de Pontenciencia.
Pontenciencia é un proxecto que ten como obxectivo “desenvolver o pensamento investigador”, poñendo ao alcance da cidadanía un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan “unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. Este ano será a sexta edición.

PUBLICIDADE