Pontevedra e Lugo no top de destinos máis buscados de España no portal Booking
xoves, 23 de novembro do 2023
O
traballo en materia turismo e tecnoloxías dos nosos Concellos está
a dar importantes resultados na Rede. Isto é aplicábel a Pontevedra
e a Lugo,
que veñen de obter un importante recoñecemento no portal Booking, o
buscador de aloxamentos turísticos, onde Pontevedra resultou ser a
cidade do eido estatal con maior número de buscas por enriba de
Madrid e Barcelona, e onde Lugo acadou un máis que meritorio sexto
lugar.
As
reaccións non se fixeron agardar. O alcalde de Pontevedra, Miguel
Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción polo interese
xerado pola cidade no dito portal turístico: “Isto quere dicir que
Pontevedra está de moda, que Pontevedra é atractiva, pero é
atractiva por moitísimas cousas, sobre todo pola xente, pola súa
capacidade de acollemento, pola súa comodidade, polo seu respecto ao
medio ambiente, pola gastronomía, e porque está, ademais, nun
espacio que son as Rías Baixas que eu sempre dixen que era o Caribe
de Galicia”.
Pola
súa banda, a concelleira de Cultura e Turismo de Lugo, Maite
Ferreiro, afirmou que “ano a ano vemos como a acción da área de
Turismo continúa a mellorar os datos de visitantes”, e salientou o
sexto posto obtido en Booking na listaxe de destinos máis buscados
do 2024. Para a edil, “isto demostra que Lugo está xa no mapa dos
destinos turísticos de calidade, tócanos seguir traballando para
consolidar este posto e seguir mellorando para ser un referente a
nivel estatal e internacional”.
Sinalar
a maiores que Vigo foi quen de acadar o número 13 da dita
clasificación, seguida a pouca distancia de Ourense, no posto 19 da
posición.