Pontevedra enche TikTok de audiovisuais que reivindican a memoria das mulleres locais

xoves, 5 de agosto do 2021 S. P.

Este verán continúa a enriquecerse o proxecto do Concello de Pontevedra para levar as redes sociais o legado das diferentes xeracións de pontevedresas: A memoria das mulleres. A máis recente contribución provén da tiktokeira María Rúa, que publicou este 4 de agosto un vídeo onde recolle algúns dos últimos cambios feitos nas rúas da cidade na procura dunha maior igualdade a través dunha maior presenza da muller. É a sexta das oito pezas audiovisuais que se están a distribuír a través de tres recoñecidas influencers galegas.
María Rúa botou man da música das Tanxugueiras para apoiar a súa mensaxe e lembrar que no rueiro da cidade, xunto con outros espazos públicos, as mulleres están cada vez máis visíbeis. A tiktoker ilustra isto con imaxes dos últimos murais feitos na cidade, e sinalando algunhas das mulleres ilustres que xa contan con representación na cidade como Amalia Álvarez, Josefina Arruti, María Victoria Moreno, Concepción Arenal; animando “a seguir loitando por unha representación máis xusta e igualitaria”.

Un proxecto envorcado nas novas ferramentas

A filosofía base de Memoria das mulleres é a da difusión da loita antifascista e da traxectoria das pontevedresas entre o público máis novo, utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade local. O proxecto da Concellaría de Memoria Histórica xa difundiu un total de seis vídeos deste tipo, onde as tiktokers galegas Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa poñen voz e imaxe a situacións de índole histórica ou social como ENCE, o drama da draga ou a defensa da lingua e a loita contra os tópicos máis comúns.
O Concello lembra que “aínda quedan dúas contribucións audiovisuais máis por seren estreadas nas vindeiras semanas, até alcanzar os oito vídeos publicados”.

PUBLICIDADE