Pontevedra estrea cargador de móbiles que funciona coa enerxía hidráulica da tubaxe de auga potábel

venres, 21 de xuño do 2024 S. P.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda comprobou esta semana o funcionamento do servizo de cargador de móbiles e doutros aparellos electrónicos instalado na praza de Barcelos de Pontevedra. En compañía do responsábel da empresa Viaqua na cidade, Camisiro González, o concelleiro explicou que este novo aparello funciona con enerxía 100% renovábel grazas á forza da auga canalizada.
A instalación deste cargador correu a cargo da empresa Viaqua xa que é unha mellora incluída no contrato de xestión do abastecemento municipal. Logo de estudar distintos lugares, acordouse a colocación en Barcelos porque tiña as condicións que requiría para o seu funcionamento, explicou o edil, engadindo que estamos ante “unha proposta innovadora, autosuficiente, con enerxía 100% renovábel e que vai contribuír a sensibilización ambiental da cidadanía”.
Trátase dun elemento que ten unha base de aceiro inoxidábel, con tres soportes para colocar os cargadores e dun deles é adaptado para persoas con discapacidade. Dispón dun cabeceiro personalizado e funciona cunha picoturbina que está á vista no chan da praza, para aproveitar a enerxía hidráulica da rede e producir enerxía eléctrica que permite cargar os móbiles.