Pontevedra explica a súa historia ás novas xeracións con oito vídeos subidos ao YouTube

luns, 8 de agosto do 2022 S. P.

O Concello de Pontevedra, a través da área de Patrimonio Histórico que dirixe Xaquín Moreda, presentou unha nova e innovadora proposta para dar a coñecer a cidade e o seu devir nos séculos. Seguindo o ronsel de experiencias previas destinadas a conectar co gran público e especialmente coas novas xeracións (experiencias como o videoxogo Ponte Veteri, que propoñía un roteiro circular polo casco histórico da cidade centrado nas confrarías e na concesión do Foro a Pontevedra; ou a unidade didáctica para os Concellos que fai un repaso nas aulas do pasado da cidade a través da arquitectura e da trama urbana), vénse de dar forma a un novo formato audiovisual de oito pezas de curta duración que, subidas ao Youtube, explican a historia da cidade e sirven de complemento á dita unidade didáctica. Foron feitas por Taller Abierto a través do traballo xerado nas iniciativas previas devanditas.
Son unha serie de vídeos cunha duración aproximada de dous minutos, locutados, e que recollen diferentes épocas ou poñen a súa atención en períodos concretos.
As pezas poden xa ser descargas ou vistas desde YouTube, na canle oficial do Concello de Pontevedra, se ben, seguindo as palabras de Moreda, a idea é crear unha páxina de seu onde estarán dispoñíbeis na ligazón ponte.gal/historiadaformaurbana. Nesta páxina tamén estará pendurada a unidade didáctica, como un recurso base, para que o profesorado da cidade poida levar a historia e o urbanismo local até as aulas “dun xeito amábel e didáctico”.

PUBLICIDADE